luns 26/07/21

A vacina

O novo mapa da pandemia a estas alturas está protagonizado por xente máis nova. E non por, como pontifican algúns, causas derivadas da irresponsabilidade e falla de ‘sentidiño’ de todas aquelas xeracións que viñeron despois da deles senón porque, sinxelamente, son os tramos non vacinados.

Máis da metade dos e das cidadás galegas chamadas a se vacinar contra a Covid-19 dispoñen xa da pauta completa. Son, para alén de colectivos vulnerábeis ou con probabilidade de exposición ao coronavirus, os grupos de idade de corenta anos para adiante.

Isto levou a que os contaxios nesas idades se ben habelos hainos, son moitos menos en número e perigosidade. Os ingresados nos hospitais galegos nestas semanas non pasan dos 50 anos e o seu paso ten un final moi distinto aos ingresos de persoas maiores na primeira vaga da pandemia.

Ingresan persoas máis novas, con cadros menos graves, cunha afectación máis leve e con estancias hospitalarias máis curtas. Así pois, o cadro xeral é moito menos preocupante que o que se rexistraba hai uns meses.

O que é quen de mudar unha vacina.

comentarios