Opinión

A Santiago voy

[Xoán Costa]

"Se vou a Santiago, vou a Santiago; mais non a España, que fique claro". Iso dixo Francisco, o Papa. Poderíalle ter dito ao entrevistador "se vou a Bueu nun bou, vou" ou cantado a canción A Santiago voy, composta polo seu compatriota Ricardo Ceratto e interpretada por Pucho Boedo e Los Tamara. Mais non, dixo o que dixo e as súas palabras sentaron mal porque traen á luz unha evidencia recollida na cartografía, algunha publicada por Sermos Galiza sob o título “Galiza no mapa”, e que mostra como, desde hai máis de mil anos, os cartógrafos debuxan fronteiras entre Galiza e España.

Sentaron mal porque a historiografía confirma o predominio político e cultural do Reino da Galiza durante varios séculos e o papel activo da súa clase dirixente para desenvolver unha política propia, co símbolo do Homo Viator por bandeira, representado no Santiago peregrino, face ao Santiago mata mouros, ou mata indios, símbolo do imperio carlista, divulgado no Barroco. Mais tranquilos, que estas palabras do Papa non constitúen dogma de fe.

Comentarios