Opinión

A reforma fiscal

[Xoán Colazo]

As principais ferramentas económicas dos Gobernos son as de política monetaria e fiscal. O Estado español delegou as primeiras nunha Unión Europea encadeada ao dogma liberal. Pola súa parte a fiscalidade foi perdendo o seu carácter progresivo e redistribuidor e non semella que o debate aberto polo Goberno estatal vaia corrixir esa nefasta tendencia, tamén filla do trunfo neoliberal.

Galiza carece na práctica de capacidade para desenvolver políticas nin fiscais nin monetarias propias, pois non ten soberanía e ese si é o debate que lle interesa. Logo sería cando se poderían orientar as medidas en favor das maiorías sociais do país. Pero é previsíbel que a reforma fiscal no Estado vaia cara a unha menor progresividade e a un maior centralismo, co cal a sociedade galega sairía perdendo. Un exemplo: coa reforma deixarán as comunidades de montes galegas de tributar inxustamente no imposto de sociedades español? Unha Axencia Tributaria galega con auténticas competencias sería o máis acaído para facer unha política fiscal acorde coas necesidades do país.

Comentarios