Opinión

A Primaria rebenta

[María Obelleiro] 

Os febles fíos que cosen a Atención Primaria rebentan. Facíano aos poucos, por mor dos recortes aos que se viu sometido o servizo na última década, mais no último ano a situación empeorou. Unha mostra de que a Primaria está na UCI é a chamada de auxilio da Xerencia da área sanitaria de Vigo, que se dirixiu ás médicas e aos médicos dos servizos hospitalarios para lles pedir que, de maneira voluntaria, atendan pacientes positivos en Covid por teléfono.

A Atención Primaria non dá máis de si e se segue adiante é polo meritorio labor das e dos profesionais, aqueles a quen hai máis dun ano aplaudiamos. Tamén aplaudían os responsábeis das Administracións competentes. Aqueles que lles poñen medallas. Mais ás traballadoras e traballadores da sanidade pública non precisan medallas, precisan que se dignifique o seu labor, que se acabe coa precariedade e que se poñan os recursos necesarios para poder prestar unha atención de calidade. Semella que non se aprende. E a quinta onda está a engulir a Primaria.

Comentarios