Opinión

A pé de rúa

[Xesús M. Piñeiro]

A pandemia do coronavirus provocou un aumento considerábel da afluencia aos bancos de alimentos da Galiza. Un incremento de até o 40%, segundo recoñecen a Nós Diario desde o banco de Vigo. É outra das imaxes desta crise, como a das UCIs, a xente con máscaras ou a hostalaría fechada: a de longas colas de xente en Ourense, Vigo ou Lugo para recibir alimentos. 

Os responsábeis dos servizos inciden que, como na crise de 2009, a pandemia levou até as portas dos bancos de alimentos familias que hai apenas uns meses ou semanas antes nunca se imaxinarían nunha situación así. Unha situación que evidencia a fraxilidade dun modelo que, nunha situación de pandemia, aboca a miles de persoas a ter que procurar axuda en iniciativas solidarias deste tipo.

A desigualdade social, a precariedade laboral, os salarios minguantes que non garanten que unha persoa que traballe poida chegar a fin de mes, a ausencia dun modelo público de cobertura ampla para estas situacións... Todo suma para comprender como, máis unha vez, ante un embate (sexa pandemia, sexa crise económica...), parte importante da sociedade fica desamparada.

Comentarios