Opinión

A moer o mar

[Alberte Mera]

Ao pouco de facérense 20 anos da catástrofe do Prestige e de toda a indignación popular galega que se ergueu contra as mentiras e a incompetencia dos Gobernos español e galego que empeoraron as consecuencias do petroleiro sinistrado sobre a costa galega, chega o anuncio de Nunca Máis sobre a estrea dun documental que, de seguro, tanto a plataforma como o seu director, Jose Aragunde, axudará a non esquecer nunca a aldraxe sobre a Galiza nin os riscos ambientais que a día de hoxe implica que cen buques pasen diante das nosas costas cada xornada, dos cales, como denunciou onte Nunca Máis, 35 son de mercadorías perigosas e 15, de bandeiras de conveniencia.

20 anos de dignidade, leva por título o filme que se presentará esta semana. Unha dignidade que volve ser precisa para reclamar dúas décadas despois que nin terra nin mar son infinitos nin explotábeis até a desertización para xerar beneficios. Onte soubemos que a enerxética madrileña Capital Energy quere instalar 34 aeroxeradores fronte a costa da ría de Vigo, pondo en perigo, como hoxe analiza este xornal, a actividade pesqueira e a riqueza submarina. 20 anos despois Galiza precisa ordenación do territorio, amor á terra, defensa do medio e un futuro que sexa sostíbel, porque o mar non atura máis agresións ambientais.

Comentarios