Opinión

A gran mentira

Campaña das eleccións galegas de 2012. Feixoo promete remolcadores, floteis e barcos que construirán en México empresas galegas e que provocarán a creación de milleiros de postos de traballo. Un ano despois Pemex aproba a compra do 51% das accións de Barreras por 5,1 millóns de euros. Unha operación apadriñada polo presidente da Xunta, que naquel momento anuncia máis contratos. Aquelas grandes promesas ficaron reducidas á construción de dous floteis e á compra fracasada de Barreras, que acabou sendo denunciada perante a Fiscalía.

Febreiro de 2020. A Fiscalía Xeral de México confirma a detención de Lozoya, ex director de Pemex que foi chave na compra do estaleiro vigués e co que Feixoo mantivo varias xuntanzas. O presidente da Xunta elude calquera tipo de nexo con Lozoya —co que chegou a sacar fotos oficiais— e négase a comparecer en sede parlamentar. Quizais non lle pareza de interese explicar por que un dos floteis tivo un sobrecusto de 20 millóns de euros, segundo a auditoría oficial da que dá conta Nós Diario.

Comentarios