Opinión

A Galiza líder

[Xoán Costa]

Seica a Galiza é un país de contrastes, de altos e baixos, de subidas e baixadas. E agora estamos na hora das subas. Por exemplo, facemos historia meteorolóxica, da de verdade, da que traballa con estatísticas, afastados xa das ambigüidades do refraneiro, que tanto daba sol como nubeiro. A vaga de calor situounos na parte alta do interese informativo. E, consecuencia directa desas altas temperaturas, tamén ascendemos no ránking de raios e tronos, con máis de 6.000 en pouquiño tempo.

Hai outra clasificación en que ninguén nos supera. Somos líderes absolutos en incremento de prezos e en inflación mentres seguimos por baixo da media estatal en salarios e pensións. Se cadra, esta referencia dá para pensar na vixencia do refrán que hoxe publica Nós Diario: “No Carme, todo o mundo come carne”. Porque un 11,1% de incremento medio no IPC interanual, taxa que no caso dos alimentos chega ao 12,6, vai facer difícil poder comer carne, peixe, froita, legumes ou verduras.  Claro que a culpa é do refraneiro.

Comentarios