Opinión

Editorial #Sermos352: Á fin, Carvalho Calero

Sen desmerecer ninguén, xa era hora de que Ricardo Carvalho Calero fose recoñecido pola Real Academia Galega. Unha entidade na que ingresara en maio de 1958. Tratábase dunha das ausencias máis inxustificadas na nómina de persoas homenaxeadas co Día das Letras Galegas.

A elección do gran polígrafo non sería hoxe unha realidade sen o traballo incansábel das asociacións de base que, desde hai décadas, reclamaban o que consideraban unha exclusión clamorosa. Referímonos a entidades como a Sociedade Cultural Medúlio de Ferrol, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña, a Asociación Cultural O Facho da Coruña, a Fundaçom Artábria de Ferrol, a AS-PG, a A Mesa pola Normalización Lingüística ou a AGAL, entre outras.

Estamos diante dunha das grandes figuras da Galiza, cunha obra de gran valor intelectual e estético que, durante anos, foi condenada ao ostracismo por discrepar da política lingüística oficial. Credencias tiña de abondo, a comezar pola ligazón coas Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos, da revista Nós e do Partido Galeguista.

Mais o Día das Letras Galegas de 2020 non pode ser unha débeda saldada en pagamento único. Ten que ser a oportunidade para difundir a obra de Carvalho Calero, para a asumirmos. Unha obra ao servizo da Galiza. Unha obra que fala por si mesma.

Comentarios