Opinión

A fenda

[Alberte Mera]

A igual traballo, desigual salario. Eis a realidade que a día de hoxe persiste para vergoña de institucións que regulan as normas como para milleiros de empresas que discriminan a metade da poboación.

En pleno ano 2023, as mulleres seguen a cobrar menos por desenvolver o mesmo traballo que os homes polo simple feito de seren mulleres. O machismo estrutural mantén a fenda salarial neste 22 de febreiro, Día Internacional para a Igualdade Salarial. As traballadoras galegas sofren unha fenda salarial superior a 18%, é dicir, cobran uns 4.200 euros menos ao ano que os homes.

Os datos da última Enquisa Anual de Estrutura Salarial indican ademais que a fenda se agrava até 30,4% no sector privado e até 34,5% nas pensións por xubilación. As galegas cargan tamén cunha dupla discriminación -polo feito de seren mulleres e polo feito de seren galegas-: o salario medio das traballadoras na Galiza é 9% inferior á media estatal, cuestión que enfronta cunha alza de prezos maior na Galiza (os alimentos encareceron 15,6% entre xaneiro de 2022 e xaneiro de 2023) que no Estado (+15,4%). Aliás, a igual esforzo previo e formación, desigual salario.

As cifras indican que as traballadoras, para cobrar por riba dos 19.500 euros ao ano, necesitan dunha diplomatura, mentres que os homes xa cobran esa contía só con estudos primarios. Perpetuar esta realidade é unha vergoña. 

Comentarios