Opinión

A dupla cara

[María Obelleiro]

Ofeito de que os orzamentos do Estado e os galegos se tramiten practicamente á vez permite observar a dupla moral do Partido Popular, que non se arroiba ao facer desde o Goberno galego o que lle critica duramente a Pedro Sánchez. O argumentario do PP sitúa o incremento da débeda pública -pasou de 3.900 millóns en 2009 a, previsibelmente e, segundo as contas da Xunta para 2023, 12.250 millóns- como positiva na Galiza e demonízaa no Estado español.

O mesmo fai coas previsións recollidas no cadro macroeconómico dos orzamentos. Das contas estatais di que son “ficticias” e pide anulalas por estaren calculadas en base a un crecemento “falso”, á vez que enxalza as galegas. Xa apuntabamos neste mesmo espazo que os orzamentos galegos están artellados sobre a proxección dun crecemento do PIB do 1,7%, unha porcentaxe que a Airef sitúa no 0,6% e o BBVA no 0%. De feito, o informe desta entidade bancaria sitúa a economía galega á cola do crecemento a nivel estatal.

En lugar de aproveitar as cifras para a confrontación, tanto o Executivo galego como o estatal deberían realizar unha fonda reflexión e axustar os seus respectivos proxectos de orzamentos á realidade que debuxan os distintos organismos, co fin de intervir para evitar que, máis unha vez, paguen a crise que se aveciña as maiorías sociais.

Comentarios