Opinión

A chave de Meirás

[Xoán Costa]

As imaxes da entrega da chave do pazo de Meirás fanme pensar en feitos similares e en tempos idos. Primeiro, nun cadro de Perugino que representa a entrega das chaves do Reino de Deus a san Pedro. É unha pintura de fins do século XV para xustificar a primacía en que se fundamenta a autoridade papal.

Nos anos trinta do século XVII, Diego Velázquez pinta o xeneral Spínola recollendo as chaves de Breda e, no século XIX, Francisco de Padilla representa a entrega das chaves de Granada.

A chave de Perugino, a do ceo, vese ben que é unha boa chave, moi similar a unha moderna chave de seguranza; a de Breda non se ve moi ben como é, medio oculta na man de Justino de Nassau e en Granada parece que Boabdil ten na man dúas chaves. 

Neste día dez de decembro asistimos a outra entrega de chaves: os herdeiros de Franco entregan a de Meirás. Nas imaxes vese unha chave cativa, sen comparanza coas anteriores. Non sei, pero dáme que os Franco tamén teñen dúas chaves e entregaron a da barrela mais non a do Pazo.

Comentarios