Opinión

6%

[María Obelleiro]

A letra pequena é perigosa. O Goberno estatal admitiu onte que a cota do 6% para o galego, o catalán e o vasco que contempla a Lei do audiovisual -porcentaxe froito do acordo entre o Executivo español e ERC a cambio do apoio dos cataláns aos orzamentos de 2022- non afectará aos catálogos das plataformas máis seguidas: Netflix, HBOMax e Amazon Prime. Coñeceuse que o proxecto de lei aprobado no Consello de Ministras e Ministros na terza feira só obriga a garantir ese 6% de linguas oficiais diferentes ao español nas plataformas con sede no Estado, como o caso de Movistar+ e de Filmin. 

Se xa resultaba cativa a cota do 6% á hora outorgar presenza ao galego nas citadas aplicacións, que Netflix, HBOMax ou Amazon Prime non teñan que ofrecer porcentaxe ningunha supón un agravio e fica moi lonxe do acordado no Parlamento da Galiza, onde os grupos políticos, por unanimidade, reclamaron “equidade” para o galego. O Goberno español, con accións como esta, demostra que de cooficiais as catro linguas, nada, que o castelán é a oficial e o resto as aldraxadas.

Comentarios