Opinión

50 anos de loita

[Alberte Mera]

Protagonistas das folgas de 1972 en Ferrol e Vigo que estes días transmiten as súas vivencias nas páxinas de Nós Diario coinciden en sinalar que as loitas obreiras daquel ano non só foran polas reivindicacións laborais, senón tamén por sacar o país da feroz ditadura e conquistar a liberdade. A represión policial segou a vida de Amador Rey e Daniel Niebla hai hoxe 50 anos, 10 de marzo de 1972, data que hoxe coñecemos como o Día da Clase Obreira Galega. A loita das traballadoras e traballadores daquela  na Galiza marcaron un antes e un despois, debuxaban xa o final da ditadura, o berro dun pobo que non aturaba máis encarcerado.

Deles xerminou o sindicalismo galego que hoxe, como onte, continúa a ser imprescindíbel. A escalada de prezos, a perda de poder adquisitivo, a carestía de todo o que nos rodea, desde encher o depósito até mercar froita, está a empurrar a poboación á pobreza e a soportar maiores niveis de precariedade. A memoria histórica e lembrar as loitas que levaron adiante galegas e galegos valentes, como Amador e Daniel, son hoxe necesarias traelas ao presente para enxergar o mundo en que vivimos e trazar alternativa. Sen eles, desde logo, non habería hoxe país.

Comentarios