Opinión

307 mortes

[María Obelleiro]

Falecen máis persoas por suicidio que en accidentes de tráfico e nin así se adoptan unhas mínimas medidas para previr as tentativas autolíticas. A saúde mental non é prioridade do Goberno galego, que deixou en papel mollado o Plan de prevención do suicidio. Calquera que trate de acudir a unha consulta de Psiquiatría na sanidade pública galega sabe das listas de agarda, dos constantes cambios de profesionais e da dificultade de acceder á psicoterapia por medio do Sergas.

Denuncia o Movemento Galego da Saúde Mental que das 37 medidas recollidas no citado plan non hai nada. Nin memoria anual, nin resultados, nin comisión interdepartamental de coordinación, nin comisións multidisciplinares das áreas sanitarias, nin Observatorio Galego de Suicidio... Por non haber, nin sequera se conta con estudos epidemiolóxicos nin con datos de calidade para intervir, con eficacia, na prevención das persoas con risco de suicidio. O desmantelamento da Atención Primaria, fundamental na detección precoz, tampouco axuda.

Comentarios