Opinión

25N: fan falta outras políticas

Os crimes recorrentes do patriarcado -oito mulleres asasinadas na Galiza en 2015, seis neste 2016- non irán a menos con apenas declaracións de intencións que a nada obrigan. Está ben, claro, que o Parlamento da Galiza realice unha manifestación de repulsa contra o terrorismo machista, mais este aceno por si só apenas serve de nada e está moi lonxe de ser a reacción positiva que deben ter as institucións públicas galegas face un problema gravísimo que ameaza a máis da metade da populación e que atinxe a absolutamente toda a sociedade.

Fan falta outras políticas, unha reconsideración radical das instrumentadas até agora no combate contra a violencia machista. En poucas materias os recortes son máis criminosos do que neste. Agora que o presidente da Xunta anuncia que o goberno galego irá dispor de 259 millóns de euros máis para gastar en 2017, é preciso pór sobre a mesa a franca insuficiencia dos recursos públicos que se destinan ao combate contra o monstro patriarcal. Un combate que, para ser eficaz, debe ser librado en múltiples frontes. Na fronte da identificación, control e persecución dos victimarios, por suposto, mais tamén na fronte das aulas -mudar os valores desde a educación é vital-, na dos meios de comunicación e na publicidade -é moito hora de lexislar con eficacia contra a noxenta cousificación da muller como ferramenta do marketing- ou na da empresa -para pór fin á desigualdade salarial, tamén é violencia pagar as mulleres menos polo mesmo traballo.

Agora que o presidente da Xunta anuncia que o goberno galego irá dispor de 259 millóns de euros máis para gastar en 2017, é preciso pór sobre a mesa a franca insuficiencia dos recursos públicos que se destinan ao combate contra o monstro patriarcal

En 2016 a Xunta destinou ás políticas de igualdade e o combate contra a violencia machista 11 millóns de euros. A oposición exixe un aumento deses recursos (o BNG, en concreto, apresentou unha proposta para que se destine a este fin no mínimo o 1 por cento do orzamento da administración galega, por volta de 90 millóns).

Non acertamos a ver que outra prioridade para os poderes públicos galegos pode ser maior do que garantir o dereito de máis da metade da populación a viver sen medo -a viver en liberdade- no seu propio país.

Comentarios