Opinión

25 de xullo. Porque queremos existir

[Xoán Costa]

Galiza existe desde que existe o galego. Con aseveración tan certeira sitúa Carvalho Calero a lingua como o primeiro e fundamental dos elementos identificadores da nosa identidade, trasladándonos, nunha viaxe de varios séculos atrás, ás fontes da nosa maneira de sermos.

En tan dilatado período de tempo, outros elementos identificadores da Galiza foron sumando a este, uns máis simbólicos como o escudo ou a bandeira, outros de referencia inmaterial como a música ou a literatura oral, e outros de carácter material como a arquitectura tradicional. 

O 25 de xullo irrompe na categoría dos elementos simbólicos da proxección da Galiza cara ao futuro desde 1920, en que se celebrou por vez primeira. Concibido como elemento de afirmación das nosas especificidades, e actualmente conmemorado sob diversas denominacións, é hoxe maioritariamente celebrado como Día da Patria Galega, sendo referente da nosa afirmación nacional. Porque Galiza, e o galego, existen se queremos que existan.

Comentarios