Opinión

23X: o Reino Unido decide

O Reino Unido votará este 23 de xuño se continúa ou non a pertencer á Unión Europea. O primeiro que cabe dicer é que o Reino Unido exercerá o dereito a decidir, por máis que o fará unha estrutura estatal que contén nacións (Escocia, Gales, o norte da irlandesa e até Inglaterra) que non poderán decidir por elas propias. En todo caso, serán as urnas as que decidan, non como no caso do Estado español, un dos poucos en que se resolveu o ingreso na daquela Comunidade Económica Europea (CEE) sen convocar referendo.

A estas alturas, é unha evidencia que non existe consenso nas elites británicas sobre a conveniencia ou non de ficar na UE. Sectores do partido no goberno, liderados polo ex alcalde de Londres Boris Johnson, defenden abertamente o Brexit, aliñados co partido ultra UKIP. Está a prol de ficar o aparato tory, con David Cameron á cabeza, e a maioría de cadros, se ben non todos, do Partido Laborista de Jeremy Corbyn. Mas mesmo aí as contradicións saltan á vista, pois o líder da formación socialdemócrata no seu día militou nas fileiras contrarias á integración na CEE.

As nacións sen Estado integradas no Reino Unido, e nomeadamente Escocia, si farían cuestión do Brexit

En realidade, o Reino Unido xoga esta partida con vantaxe. Primeiro, porque de gañar o SI, o verosímil é que Cameron conseguise aínda máis cesións de Bruxelas para Londres ter un status especial dentro da UE, con excepcións en materia de política social (nomeadamente no que ten a ver co acceso dos cidadáns comunitarios ás prestacións públicas). Segundo, porque de gañar o NON, o Reino Unido podería manter os lazos coa UE póndose na esteira de Estados como Noruega ou Suíza que teñen estabelecido convenios bilaterais con Bruxelas.

As nacións sen Estado integradas no Reino Unido, e nomeadamente Escocia, si farían cuestión do Brexit. O goberno que lidera Nicola Sturgeon en Edimburgo ten ligado con clareza a saída do Reino Unido da UE coa demanda de realización dun novo referendo de independencia. A idea do Scottish National Party sería desligarse de Londres para reforzar o vínculo co resto de Estados da UE.

Comentarios