Opinión

20D, unha data crucial para Galiza

A focaxe dos medios de comunicación españois e da maior parte dos galegos

A focaxe dos medios de comunicación españois e da maior parte dos galegos é a das eleccións xerais como unha pugna presidencialista en que compiten agora catro candidatos como novidade de maior relevo, sendo que ao bipartidismo vello se lle veu sumar unha sorte de bipartidismo de recambio. A pretensión dos distintos aparatos de propaganda en combate é que as eleccións xerais son iso, xerais, e que, portanto, tanto ten votar en Estremadura como na Galiza. O epítome deste comportamento é Ciudadanos, unha franquicia sen presenza no noso país e que non só non ten propostas específicas para Galiza, senón que mesmo se gaba diso co argumento de que estamos perante unhas eleccións "nacionais" e que, daquela, o que vale para o todo (España, por suposto) ten de valer para unha parte (a nosa nación).

Nunca na historia uns comicios estiveron tan condicionados pola intervención das cámaras e dos platós televisivos, ao servizo exclusivo de catro forzas políticas españolas

Este é o marco xeral dunhas eleccións fortemente marcadas polo protagonismo do poder televisivo. Nunca na historia uns comicios estiveron tan condicionados pola intervención das cámaras e dos platós televisivos, ao servizo exclusivo de catro forzas políticas españolas, dúas das cales nin sequera a esta altura tiñan representación nas Cámaras -o Congreso e o Senado- que agora imos renovar.

E, porén, o que se elixe nestes comicios non é o presidente do goberno, senón a nosa representación -deputadas/os, senadoras/es- nas institucións parlamentares estatais. Iso é o que votaremos o 20D. E nesa lóxica o racional é que, ante todo, vaiamos votar pensando nos intereses galegos, no peso que Galiza como nación poda ter a partir do domingo nunhas Cortes Xerais que todo indica someterán a debate unha nova repartición do poder político territorial.

Estamos, claro, polo cambio da cor política da Moncloa. Non son sustentábeis 4 anos máis de goberno PP, nin do punto de vista democrático nin social nin económico. Mais non chega para Galiza que o próximo inquilino do pazo presidencial sexa unha persoa progresista. Precisamos algo máis, precisamos que o país se faga canto antes coas rédeas do seu presente e do seu futuro e iso pasa por termos unha representación no Estado comprometida única e exclusivamente con Galiza como nación.

Comentarios