Opinión

15 'Prestige' por día

[Alberte Mera]

Ás portas de que se fagan 20 anos da marea negra provocada polo sinistro e afundimento do Prestige, da marea branca de voluntarias e voluntarios que fixeron fronte ao chapapote ante a falta de medios dos Gobernos español e galego e da marea humana de dignidade que berrou ‘Nunca Máis’ e ‘Dignidade’, coñecemos que dos 35 busques cargados de mercadorías perigosas que, de media, pasan cada día fronte á costa galega, 15 navegan baixo bandeira de conveniencia. Non atracan estes en portos europeos, eluden controis, “só” cruzan a costa galega “de paso” para transportar o que, de non tomar cartas no asunto, pode ser calquera día un novo Prestige.

Como ao igual que aconteceu coa pandemia, das catástrofes parece que pouco ou nada se aprende: se naquel ano 2002 en que afundiu o Prestige eran 400 os millóns de toneladas que “viaxaban” en barcos con bandeira de conveniencia, o ano pasado foron 912 millóns.

O mar non todo o atura. Aproveitando que a Consellaría de Medio Ambiente anunciou onte que estará presente na COP27 que está a decorrer en Exipto para debater os retos climáticos a afrontar polos Gobernos, non estaría de máis que levase a denuncia desta situación para que Galiza, o Estado e a comunidade internacional tome cartas no asunto.

Comentarios