Opinión

Vencer o medo para construír o futuro

Hai unhas semanas o intelectual e amigo brasileiro Fábio Palácio escribía nunha rede social "está em aberto se no período posterior à pandemia teremos um ambiente mais parecido com o pós-Primeira Guerra, marcado pela barbárie e pelo fascismo, ou com o pós-Segunda Guerra, que trouxe avanços civilizatórios" e realmente o que di debería levarnos a pensar como queremos construír o mundo poscovid-19.

E a semana pasada o Nós Diario publicaba unha longa entrevista ao filósofo Francisco Sampedro, na que entre outras cuestións sinalaba que non é a violencia senón o medo a gran ferramenta empregada para a opresión, e que as medidas sanitarias que debemos observar para protexernos teñen unha compoñente negativa a ter moi en conta; esa compoñente é a atomización á que nos obriga a chamada “distancia social”, unha atomización que non afecta ás decisións que favorecen a acumulación de capital.

Ambas as reflexións, ao meu ver, son complementarias, precisamos atopar respostas para saír do cruce de camiños no que estamos, a resposta ao Fábio vai depender do camiño que tomemos, e para a decisión sobre o camiño a tomar vai ser definitoria a nosa reacción diante do medo e da atomización ás que se refire Sampedro.

É fundamental o papel do medo, un medo que precisan seguir inxectando na sociedade, e para facelo é cada vez menos necesario o emprego directo da violencia física

Se ben é certo que o capitalismo tivo inxentes perdas derivadas dos efectos da pandemia a nivel mundial, non o é menos que os centros de decisión están readaptando a súa planificación para no menor tempo posíbel poder recuperarse e obter beneficios; e nesa readaptación non lles van tremer as mans, as súas decisións suporán unha perda de dereitos brutal.

Para que consigan o seu obxectivo é fundamental o papel do medo, un medo que precisan seguir inxectando na sociedade, e para facelo é cada vez menos necesario o emprego directo da violencia física; hai medidas coercitivas moito máis eficaces, desde a lei mordaza aínda non derrogada até as campañas mediáticas sobre a existencia de ducias de okupas en cada rúa, pasando polas noticias sobre unha mocidade que segue facendo botellóns multitudinarios.

O reconto diario de danos (número de mortes, novos gromos, novas medidas...) aumenta en nós a sensación de inseguridade, e esa inseguridade fai que nos custe razoar e que deixemos de facernos preguntas que noutro momento serían lóxicas e favorecerían a protesta e a mobilización: como pode ser que no transporte non haxa que gardar distancias?, porqué a atención sanitaria ten que ser telefónica?...

A noticia de que nunha empresa se produciu un gromo por culpa de uns traballadores e traballadoras que non gardaban as distancias e quitaban a máscara no tempo de descanso repítese e repítese. Non hai proba algunha de que iso sexa certo nin interese por comprobar en que condicións se traballa nesas empresas, con que espazo contan para os escasos minutos que teñen de descanso ou se hai liberdade sindical nelas. O obxectivo é claro, facernos ver que é a irresponsabilidade individual a que nos ten así, e se isto empeora non será pola falla de medidas adoptadas polas autoridades ou polas precarias condicións de traballo, a culpa é da xente.

O obxectivo é claro, facernos ver que é a irresponsabilidade individual a que nos ten así

Todo isto fertiliza o terreo para as condutas individualistas e a atomización do sufrimento. Se penso que podo estar contaxiado calo pois teño un traballo en precario e non podo poñelo en perigo. E se ti protestas es un insolidario, pois diranche que sempre haberá quen estea peor e ti estás actuando egoistamente.

A saída non é doada neste ambiente social cheo de incertezas derivadas fundamentalmente do efecto paralizante do medo, e unha sociedade medrosa é o mellor caldo de cultivo para a barbarie.

Moverse e ir uns pasos por diante saíndose do rabaño leva moitos riscos asociados, pero é o único xeito de non retroceder. Só actuando colectivamente poderemos enfrontar o que nos vén enriba; con prudencia para que non se nos poida acusar de irresponsábeis, pero con determinación para transformar a incerteza en confianza e manter así prendido o facho dun futuro no que non se impoña a lei da selva.

Comentarios