Opinión

Tempo de monstros

Descoñezo o estado de ánimo de Antonio Gramsci cando nos Cadernos do Cárcere escribiu "o vello mundo  agoniza, un novo mundo tarda a nacer, e, nese claro-escuro, irrompen os monstros". Unhas palabras convertidas en aforismo, empregado con profusión hai uns anos en certos ámbitos políticos, debido á perfecta combinación que consigue entre o enigma do que pode acontecer, e a profecía do que se quere que aconteza. Todo nun momento da historia, no que entre as sombras xorden os monstros, momento que se falamos dun día podemos situar no noso luscofusco, cando o día aínda non dá paso á noite e temos dificultade para visualizar os perfís e distinguir perfectamente o que vemos.

Hai xa anos que entramos nunha etapa de mudanzas que coinciden en distintos ámbitos, pero ás veces semella que non nos decatamos de como van mudando as cousas. Hai dez ou quince anos aínda falabamos de China como dunha simple factoría que fabricaba imitacións de produtos occidentais, con baixa calidade e moi baratos. En novembro de 2019 ninguén imaxinaba o primeiro mundo afectado por unha pandemia como a que aínda temos enriba. E desde hai anos morren milleiros de persoas en guerras, pero  descubrimos, de súpeto, coa invasión rusa do 24 de febreiro, que só hai unha guerra.

Coincido con Gramsci en que o vello mundo está agonizando, e está nacendo un novo; pero non son mecanicista, e non creo que os cambios derivados da desaparición do mundo unipolar e da globalización tal e como a coñecemos no que levamos de século, vaian dar paso automaticamente a un novo mundo que conduza de xeito inexorábel ao socialismo.

Ou moito mudan as cousas ou o novo mundo ao que nos diriximos vaise caracterizar pola presenza deses monstros que irrompen. E cando me refiro aos monstros non falo do sátrapa Vladimir Putin, do tolo Donald Trump ou do novo salvador da civilización Joe Biden. Todos eles son monstros si, monstros defensores do capitalismo, enfrontados entre si de xeito conxuntural, debido a que os intereses das súas respectivas oligarquías coliden neste momento.

Desgraciadamente, hai xa un tempo que empezo a ver monstros moito máis próximos, e empezan a apoderarse de nós.

Monstros que toman a guerra na Ucraína como un combate de boxeo entre bos e malos; éme igual que consideren bo a Putin por estar "desnazificando" e arreándolle a un aliado dos EUA, ou que consideren bo a Zelensky por ser unha especie de David defensor da "democracia".

Monstros que insultan e ameazan a quen piden un pouco de mesura e a quen chaman a facer maior uso do razoamento e menos das vísceras. Ataques e reaccións que nunha rede social xa son unha agresión, pero poden transformarse en verdadeiro perigo ao estar en grupo, se son convenientemente encirrados quen os fan.

Monstros que diante do aumento do custo da vida din que non hai alternativa, e cando se mobiliza a xente que o está pasando realmente mal en esixencia doutras políticas, acúsana de colaborar coa extrema dereita.

Monstros que aplauden o aumento do gasto militar para defendernos dos sátrapas e da conspiración xudeu-masónico-comunista; mentres asisten impasíbeis ao progresivo desmantelamento da sanidade e do ensino público, ou á redución de dereitos sociais básicos como unha pensión e unha idade de xubilación xustas.

Monstros instalados en que somos o cerne da civilización, da liberdade e do progreso, e tapan os ollos diante da censura, da imposición do pensamento único e do control social. Sempre baixo a escusa de que é todo para protexer o noso xeito de vida.

Recoñezo que teño moito medo a eses monstros, que irrompen neste tempo no que o vello mundo está agonizando; o meu medo aumenta ao observar como van convencéndonos de que é mellor deixarse levar, pois xa non son tempos de ideoloxías. Ademais, deixándote levar podes evitar golpes e feridas, e con algo de sorte pode irche ben.

A vida di que despois do luscofusco ben a noite, e tras esa noite chegará un novo día; pero o día só chega se non deixamos que sexan os monstros quen diten as leis, de permitírllelo a noite pode facerse moi longa.

Comentarios