Opinión

Son profesor e por iso vou á folga o día 9

A miúdo escoitas aquilo de:  sería bo que ensinaran educación viaria nas aulas, sería necesario que ensinaran prevención contra as drogas e o alcohol nas aulas, habería que implantar unha materia de...nas aulas, habería que darlle máis importancia á educación pola igualdade na aula... 

E mentres, ti  tes aulas con 30 alumnos e alumnas aos que che din que debes dar unha atención individualizada atendendo ás súas necesidades e adaptando o teu xeito de traballar ás súas peculiaridades; quen imparten educación física traballan, cando poden,  nun pavillón que semella o de Pepe Gotera e Otilio arranxos a domicilio; os desdobres de idiomas din que existen pero tes dúbidas de que sexa certo...

Dedicas horas, horas e horas a traballo burocrático, sabendo que a súa utilidade é nula. Aumentáronche  a xornada e recortáronche o salario hai xa unas anos debido á “crise” provocada pola banca e pola especulación, ao tempo que decidiron castigarte caso de enfermar. Pero non o tomes a mal, cando a economía mellore dixeron que recuperarás os dereitos que che arrebataron.

Poñen en marcha a LOMCE, a lei máis cuestionada e combatida pola comunicade educativa e a sociedade en xeral desde a morte de Franco, argumentando que é urxente atallar os graves problemas existentes no ensino, dos que son culpábeis as 14.324 leis educativas anteriores, e para argumentar a pertinencia da LOMCE crearon ambiente cunha forte campaña sobre os malos que son os resultados do noso alumnado e o baixos que quedamos no conxunto do mundo civilizado, segundo di esa biblia do neoliberalismo aplicado á educación que chaman informe PISA.

Aumentáronche  a xornada e recortáronche o salario hai xa unas anos debido á “crise” provocada pola banca e pola especulación, ao tempo que decidiron castigarte caso de enfermar

Véndennos os estándares de aprendizaxe e as competencias básicas como o máis moderno, agachando que só teñen o obxectivo de que saian dos centros de ensino mozos e mozas polivalentes e facilmente adaptábeis ao cambiante mercado laboral. E cando ti protestas dicindo que o obxectivo do sistema educativo é formar persoas críticas con coñecementos, destrezas e actitudes que lles permitan enfrontarse ás dificultades e construír unha sociedade máis xusta, a resposta é que iso xa non vende no mundo moderno, agora precisamos adaptalos ás necesidades empresariais e sobre todo tentar de que non pensen, non vaia ser.

Cando programas comprobas que os centos de páxinas sobre as que deixaches horas e horas de traballo é imposíbel levalas á realidade da aula. Os programas son inabarcábeis e os novos métodos de recolla de datos para avaliar o progreso do teu alumnado son ineficaces nun aula de 30 alumnos e alumnas cos que traballas tres horas á semana; se anotas todo o que se che pide non fas outra cousa, e se tentas dedicar o tempo a traballar co alumnado os datos deberás anotalos á tarde cando chegues a casa, e iso se tes boa memoria.

E non te queixes, pois es funcionario e definitivo; aínda onte falaches cunha compañeira que imparte horas da lingua para a que ten competencia docente segundo a súa titulación con horas de educación física e outras de música; e coñeces a outra que ademais imparte todo iso en dous centros distantes 30 quilómetros. Compañeiras e compañeiros considerados simple decorado no denigrante espectáculo da convocatoria, non convocatoria, convocatoria, non convocatoria...de oposicións deste ano.

Daquilo de que o ensino avanzado e efectivo é o que parte do contorno no que desenvolve a súa vida o alumnado para despois ir expandíndose en círculos até chegar ao máis lonxano mellor non falar

E daquilo de que o ensino avanzado e efectivo é o que parte do contorno no que desenvolve a súa vida o alumnado para despois ir expandíndose en círculos até chegar ao máis lonxano mellor non falar. A realidade galega, o noso hábitat, as nosas tradicións, os nosos pensadores e pensadoras, a historia de Galiza...,desapareceron dos currículos ou son elementos anecdóticos; algo que como é lóxico nun sistema educativo do século XXI non pasa coa relixión que segue manténdose  como materia curricular.

Sobre o ensino en galego xa sabemos que a nosa Consellería di facer todo o posíbel, e non podía ser menos tendo un Presidente da Xunta que se declara militante de Galiza.  Pero..., sempre hai un pero e cando empregas a calculadora descobres que no conxunto da ESO un alumno ou alumna que escolla cursar a rama académica recibirá 10 horas menos de docencia en galego que en español ese cursa a rama aplicada recibirá 13 horas menos en galego.

E agora para mudar todo isto véñennos co caramelo dun pacto educativo aproveitando o cabreo que nos centros de ensino leva a algúns compañeiros e compañeiras a pensar que é o momento dese pacto para cando menos estar tranquilos durante uns anos e saber que facer.

Un Pacto Educativo que coa realidade política do estado español non sería outra cousa que unha LOMCE maquillada e que suporía a consolidación de moitos dos seus aspectos negativos empezando pola centralización das decisións convertendo o noso xa raquítico autogoberno nun simple copia, como moito traduce, e pega do que se decida en Madrid.

Un Pacto Educativo que coa realidade política do estado español non sería outra cousa que unha LOMCE maquillada e que suporía a consolidación de moitos dos seus aspectos negativos

O bo desta triste historia é que, pese á que está caendo, cada curso escolar saen dos centros de ensino público galegos promocións de mozos e mozas cunha grande preparación dispostos e dispostas e comerse o mundo; e son froito da profesionalidade de milleiros e milleiras de traballadores e traballadoras que somos quen dedicamos moitas máis horas que as marcadas nos nosos horarios a un labor cada vez máis complexo e menos valorado, nunha sociedade dominada polo efectismo e polo inmediatismo.

Hoxe como outras moitas tardes estiven preparando traballo para facer co meu alumnado pero o vindeiro xoves farei unha pequena paréntese, o día 9 participarei na folga e manifestareime co alumnado, con pais e nais, con persoal non docente, e con todo aquel profesorado que é consciente de que os avances sociais e os dereitos nunca os agasallaron, foron, son e serán conquistas froito da loita. 

Resistir fronte aos ataques ao ensino público e á nosa dignidade profesional, mobilizarse contra a LOMCE e os recortes, é preparar o camiño para avanzar, para recuperar os dereitos e para conseguir unha moi necesaria Lei Galega de Educación.

Comentarios