Opinión

Sobran motivos para sair á rúa o día 24

O día 24 está convocada unha Folga Xeral no Ensino Galego contra a LOMCE e os recortes, unha mobilización de profesorado, alumnado, pais e nais que non se convoca en defensa de intereses particulares senón en defensa do dereito que temos todos os galegos e galegas a contar cun servizo público básico como é o da educación,  unha educación en galego que responda ás necesidades da nosa sociedade e que parta da realidade de Galiza.

O día 24 está convocada unha Folga Xeral no Ensino Galego contra a LOMCE e os recortes, unha mobilización de profesorado, alumnado, pais e nais que non se convoca en defensa de intereses particulares senón en defensa do dereito que temos todos os galegos e galegas a contar cun servizo público básico como é o da educación,  unha educación en galego que responda ás necesidades da nosa sociedade e que parta da realidade de Galiza.

"Non creo que se lles fora a man na Illa de Arousa ao abrir o expediente ao director do IES, con esa decisión están aplicando a filosofía da LOMCE mesmo antes de entrar en vigor a lei"

Nos últimos meses foron moi diversas as mobilizacións que realizou a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, manifestacións, concentracións, peches en centros escolares, unha folga no mes de maio, palestras e mesas redondas, actos imaxinativos literarios, musicais  e lúdicos nas rúas de vilas e cidades, etc....; e tamén neste tempo foron e seguen a ser moitas as comunidades educativas que se veñen mobilizando en esixencia de que a administración dote aos seus centros de profesorado suficiente, material axeitado e unhas instalación dignas.

E por se non eran suficientes as razóns para participar na Folga do 24 de outubro hai poucos días a Consellería de Educación aportou unha máis;  a apertura de expediente ao director do IES da Illa de Arousa co obxecto de revogalo do seu cargo polo “delito” de asumir coherentemente a responsabilidade de encabezar unha comunidade educativa comprometida cun ensino público de calidade, non ter problema en reivindicar maiores medios e profesorado cando se precisa e dirixir xunto co seu equipo directivo o traballo diario dun claustro composto por profesionais que ao longo destes anos teñen sobradamente demostrada a súa capacidade de traballo, cuns resultados que están aí tanto no académico como no social ou no afectivo; un traballo que ademais conseguíu involucrar activamente aos pais e nais até facer que se sintan partícipes do proceso educativo dos seus fillos e fillas sen que para eles exista esa as veces tan temida distancia entre o ámbito escolar e o ámbito familiar.

"A súa prepotencia pode facelos perder pé, e o 24 podemos darlles un bo empurrón participando na folga e nas manifestacións que se celebrarán ás 11:30h. en toda Galiza"

Desde que hai coñecemento desa decisión da administración educativa non son poucos os compañeiros e compañeiras que din que desta vez fóiselles a man, e eu non estou dacordo con esa opinión; non creo que se lles fora a man na Illa de Arousa, con esa decisión están aplicando a filosofía da LOMCE mesmo antes de entrar en vigor a lei, unha filosofía que se resume no ordeno e mando propio de quen non asume que o narcotizante discurso da crise non impide que haxa moito profesorado nos centros de ensino que ao tempo que desenvolve o seu traballo suplindo con profesionalidade e sobre-esforzo os recortes reivindica o dereito que temos todos e todas a un ensino público, galego de calidade.

Teño claro que non se lles foi a man, queren acabar connosco e non atopan mellor xeito que ir a por quen se destacan na reivindicación, pero a súa prepotencia pode facelos perder pé, e o 24 podemos darlles un bo empurrón participando na folga e nas manifestacións que se celebrarán ás 11:30h. en toda Galiza.

Comentarios