Opinión

En Siria Obama e Al Qaeda van da man

Tardaron dez anos pero semella que desta vez vai ser e que nuns días as potencias occidentais encabezadas por uns Estados Unidos que preside o premio Nobel da paz Barack Obama desencadearán unha nova guerra imperialista.

Tardaron dez anos pero semella que desta vez vai ser e que nuns días as potencias occidentais encabezadas por uns Estados Unidos que preside o premio Nobel da paz Barack Obama desencadearán unha nova guerra imperialista.

Hai ano e medio Henry Kissinger pronunciaba esta frase “…habemos de buscar outras alternativas para acabar co goberno de Damasco…” e calquera persoa que coñeza un pouco da historia das relacións internacionais nos últimos 40 anos sabe perfectamente que cando Henry Kissinger fala non o fai de calquer xeito senón tendo claras as consecuencias das súas palabras, unhas palabras que até agora sempre, tarde ou cedo, acabaron por transformárense  en golpes de estado, bombardeamentos e outro tipo de actuacións violentas  para impoñer a vontade e os intereses dos Estados Unidos.

"Hai ano e medio Henry Kissinger pronunciaba esta frase “…habemos de buscar outras alternativas para acabar co goberno de Damasco…”

Obama, e os seus lacaios, sexan estes conservadores ou membros da internacional socialista, teñen todo preparado para regalar os nosos delicados ollos de homes e mulleres que disfrutamos da chamada civilización occidental e da modernidade,  cun impresionante espectáculo de luz e son; luz e son producidos polos bombardeamentos sobre obxectivos que os servizos de espionaxe dos países membros a OTAN teñen prefixados desde hai meses.

Levamos dous anos en que cada poucos días os medios de comunicación fan chegar aos nosos ollos imaxes de asasinatos, feridos, corpos desmembrados, resultados das torturas, poboación civil indefensa e desprazada….; a meirande parte das veces esas imaxes acompañadas de palabras coas que nos explican que o que contemplamos é froito da actuación do sátrapa Bashar al-Assad, un tirano responsábel de masacrar ao seu propio pobo.

Non vimos até agora nas televisión ou  primeiras páxinas dos medios de maior difusión, nin nos conservadores nin nos supostamente progresistas, imaxes e palabras que nos contaran que facían os bos, os supostos liberadores do pobo sirio; supoño que era polo noso ben pois sería demasiado forte ver como baixo as bandeiras deses supostos liberadores vai Al Qaeda ou ver a algúns deses liberadores grabando a execución dun soldado sirio ao que despois quítanlle o corazón para comelo. Eses son “los nuestros” en Siria.

Tampouco ouvimos a Obama dicir en maio pasado que os seus amigos os rebeldes viñan de traspasar a liña vermella infranqueábel ao empregar armas químicas contra a poboación civil tal e como foi denunciado daquela polos inspectores das Nacións Unidas.

"En maio pasado os rebeldes viñan de traspasar a liña vermella infranqueábel ao empregar armas químicas contra a poboación civil tal e como foi denunciado daquela polos inspectores das Nacións Unidas"

Cando Kissinger fixo aquelas declaracións os norteamericanos pensaban que non sería preciso intervir directamente e así vía fondos secretos, servizos de intelixencia, ataques aéreos israelís sobre territorio sirio que vulneran o dereito internacional e abondosas cantidades de petrodólares procedentes das “democráticas” Catar e Arabia Saudí, procederon a organizar grupos armados creando posteriormente un chamado Exército Libre de Siria e un Consello Nacional Sirio coa intención de unificar ás accións militares e políticas baixo unha soa dirección.

Pese á millonaria inxección económica e de armamento á oposición e a que neste tempo foi anunciada repetidas veces a inminente caída do réxime sirio baixo o imparábel avance unha oposición á que cada día supostamente se lle ían sumando milleiros de combatentes procedentes das filas gubernamentais, a realidade hoxe é outra.

A oposición só ten como nexos de unión o obxectivo común de rematar con Bashar al-Assad e o financiamento procedente dos EEUU e dos seus aliados na rexión; e nos últimos meses empezaron a ser comúns os enfrontamentos armados entre supostos aliados que agardaban unha guerra curta e vitoriosa pero están perdendo posicións diante dun exército sirio á contraofensiva que ademais está recuperando apoio de algúns sectores da poboación  que  albiscan caso de gañar os rebeldes a posíbel conversión de Siria nun novo estado fallido como Iraq ou Libia no que a violencia entre faccións sexa o día a día.

E diante dunha situación militar que nos últimos tempos ten mellorado para o goberno sirio, alguén cun mínimo de intelixencia pode crer que Bashar al-Assad cometería o erro de empregar armas químicas para poñer en bandexa aos EEUU o argumento preciso para iniciar unha nova intervención imperialista que lle permita poñer o fiel da balanza de novo do lado dos rebeldes, entre os que hoxe aquel suposto demo chamado Al Qaeda cada vez ten máis forza?

Comentarios