Opinión

Un retoque que non muda nada

Jesús Almuíña sae da Consellaría de Sanidade segundo a versión oficial por petición propia, e a a substitución de Carmen Pomar na Consellaría de Educación débese, segundo a mesma versión oficial, exclusivamente a unha reestruturación de Consellarías pola necesidade de crear a Consellaría de Emprego sen ampliar o número de integrantes do Consello da Xunta.

Pero desde o primeiro día, hai xa 11 anos, as versións oficiais de Feixoo non teñen que ver coa realidade; en todos os seus gobernos tense rodeado de conselleiros ou conselleiras con perfil baixo, evitando así que puidera aparecer a mínima sombra á súa figura ou que tiveran iniciativa propia; o perfil directamente político só o ten Alfonso Rueda ao que se lle acaba de dar un aviso co nomeamento dun segundo vicepresidente.

A versión do rei Sol Feixoo é a de unha petición de substitución e unha simple reestruturación, pero envía unha mensaxe que amplifican aduladores e medios comprados; Feixoo cárgase aos máximos responsábeis dos dous ámbitos que teñen recibido máis críticas por parte da poboación nos últimos tempos; a sanidade, principal protagonista da preocupación da xente, preocupación en aumento desde o pasado mes de marzo;  e a educación, ámbito extremadamente sensíbel e no que se constatou unha total falla de planificación e de medidas para o curso escolar que vimos de iniciar.

Constatouse unha total falla de planificación e de medidas para o curso escolar que vimos de iniciar

Desde o domingo hai xente descolocada ao considerar que este movemento di algo, pois quen renovou hai dous meses a súa maioría absoluta facendo eses cambios no seu novo goberno só pode estar demostrando que é consciente de que precisa rectificar a súa política nos dous ámbitos nos que ten recibido maior contestación.

“Aí tedes a cabeza dos culpábeis chantada en cadansúa pica, era o que pediades e eu dou resposta á vosa petición”, é o que se nos transmite buscando crear confusión e división naqueles que criticaban oa labor de goberno ou son chamados a mobilizarse neste momento;  “é un goberno novo e fixo un movemento, deámoslle unha oportunidade”.

Este movemento lampedusiano non é o primeiro que realiza desde que preside a Xunta; o seu obxectivo non mudou e nestes anos vimos como a propaganda ocultaba pasos firmes na degradación da sanidade e do ensino públicos; estratexia da que Pomar e Almuíña eran simples brazos executores, e seguirían aí de non terse cruzado nas súas vidas a Covid-19.

Rematamos o curso e iniciase outro con mobilizacións por reivindicacións que hai quen manipula

Román Rodríguez non é novo na Consellaría de Educación, ocupouna entre 2015 e 2018 asumindo a función de reducir a conflitividade provocada polo seu antecesor Jesús Vázquez cada vez que abría a boca, tristemente coñecido por ser o pai do Decreto de Plurilingüísmo. Co seu perfil baixo e trato afábel Román conseguiuno,  e iso permitiu que quen verdadeiramente moven os fíos da Consellaría e levan nela case desde o principio, os homes de negro de Feixóo, seguiran co seu cometido sen o perigo da excesiva exposición mediática.

Rematamos o curso e iniciase outro con mobilizacións por reivindicacións que hai quen manipula dicindo que o profesorado non quere ir traballar. Pero calquera que fale con un profesor ou unha profesora, con un mestre ou unha mestra, comproba que rexeitamos o ensino telemático a menos que sexa como apoio ou se repita a situación de confinamento total; exiximos a volta ás aulas pero en condicións de seguridade para o alumnado e para os traballadoras e traballadores, docentes e non docentes.

Ao novo Conselleiro encoméndanlle desmontar as protestas, e pode que traia algún caramelo ou movemento forzado polo agravamento progresivo da situación sanitaria como foi o 1,5 m de distanciamento. Pero non vai haber melloras nin mudanza nas políticas sen presión. É certo que o PP gañou as eleccións, pero iso non supón unha carta branca para facer o que queira, e teñen sido moitas as políticas lesivas cambiadas por medio da mobilización.

A maioría de organizacións sindicais, ANPAs e organizacións estudantís chaman á folga, se de verdade queremos mudar a situación debemos dar unha resposta masiva, atendendo ao tempo aos movementos que poida facer a Xunta.

Comentarios