Opinión

Reflexión no remate de curso

Sempre gustei da historia e xa con 12 anos quería traballar como profesor, aínda que non o dicía pois daquela mirábante raro, dado que o resto querían ser astronautas, pilotos, actrices, médicas, avogados, enxeñeiros....., ninguén gustaba de ser profesor, e menos de historia.

Tiven a sorte de aprobar hai case 30 anos as oposicións de mestre e posteriormente as de profesor de secundaria pola especialidade de historia, e digo sorte porque esta inflúe e non considero que o actual sistema de acceso sexa o máis axeitado para avaliar a capacidade ou idoneidade dunha persoa para traballar no ensino.

Tras anos fóra das aulas, nos que o meu compromiso co país me levou a desenvolver un intenso traballo sindical, levo varios cursos reincorporado impartindo no meu centro historia en secundaria e bacharelato. Un tempo que me permite facer unha reflexión ao respecto do que vivimos día a día no sistema educativo galego.

O noso traballo é un traballo complexo, ás veces duro, cada vez máis impersoal, con procedementos cada vez máis definidos e estandarizados como se o ensino fora unha fábrica que deba funcionar baixo a filosofía do taylorismo. O obxectivo que se nos marca é o de introducir no mercado cada ano un produto que sirva para que se manteña en funcionamento a engrenaxe do capitalismo, produto que debe ser moi maleábel e ao tempo debe posuír unhas determinadas destrezas xerais, para un mundo que semella cambiar a cada pouco para non mudar nada, pois funciona non en base ás necesidades xerais senón conforme aos principios neoliberais.

O noso traballo é un traballo complexo, ás veces duro, cada vez máis impersoal, con procedementos cada vez máis definidos e estandarizados como se o ensino fora unha fábrica que deba funcionar baixo a filosofía do taylorismo

 

Non debe haber tempo para que os rapaces e rapazas, nun tramo de idade fundamental para a súa conformación como persoas adultas, reflexionen, nin para que se cuestionen a información que reciben, nin para que constrúan a súa propia opinión. É de sobra sabido que formar persoas con conciencia e espírito crítico pode poñer en perigo o sistema.

Non hai posibilidade de coñecer suficientemente o alumnado para poder desenvolver unha atención individualizada que permita dar resposta ás necesidades que cada un ou cada unha teñen; e pese a que a maioría do profesorado inviste moitas horas en tentar adaptar o seu traballo á realidade do alumnado, a burocracia, os grupos demasiado numerosos, a falla de apoio, as trabas que pon a administración e a falla de recoñecemento social do noso labor afectan moitas veces o ánimo co que desempeñas o teu traballo docente.

Pero cara fóra todo está moi ben maquillado de modernidade e liberdade de escolla: competencias, estándares, optatividade e currículo aberto sempre e cando contes con profesorado no centro, novas tecnoloxías como unha especie de tótem ao que adorar e non como instrumento de apoio ao traballo...., e considérase que os centros de ensino deben ser caixón de xastre para atallar problemas que crea a sociedade (seguridade viaria, educación afectiva, adicións varias... todo debe solucionarse nos centros de ensino).

E se todo o anterior non é suficiente temos no final do bacharelato a rimbombante Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade-ABAU que popularmente segue a chamarse selectividade, pois por moito que muden o nome só ten a función de seleccionar, unha selección propia dun sistema educativo cada vez máis segregador, no que rexe unicamente o principio da competitividade. Un alumno ou alumna ten un día malo, dos tres nos que se realiza a proba da ABAU, e vai ao caixón do lixo todo o traballo feito nun curso escolar.

No curso que vimos de rematar fun testemuña e ao tempo axente activo involuntario desa loucura; unha selectividade que somete os e as adolescentes ao longo dun ano e sobre todo nas semanas previas á realización das probas a unha presión moi superior á que eu lembro cando me presentei ás oposicións sendo xa adulto; unha selectividade contra a que loitei cando era estudante por inxusta e unha selectividade contra a que sigo loitando hoxe como profesor.

A selectividade somete os e as adolescentes a unha presión moi superior á que eu lembro cando me presentei ás oposicións sendo xa adulto

 

Aínda que se atendo exclusivamente á estatística debería estar de celebración, pois triunfei, o noso centro quedou unha vez máis por riba da porcentaxe de aprobados global de ABAU en Galiza e na miña materia as cualificacións foron boas; pero quen me coñece sabe que sempre tiven as miñas prevencións ao respecto da fiabilidade das estatísticas. Ademais non fun eu o que se examinou, foron eles e elas quen superaron o primeiro filtro pero ao coñecer as cualificacións o día 22 á tarde chocaron co muro da maldita nota de corte, que en moitos casos fai que aprobar a selectividade non signifique poder cursar os estudos que desexas.

Dixen ao principio que sempre gustei da historia pero debo recoñecer que ao rematar este curso empecei a comprender por que hai alumnado que odia a miña materia.

Ás veces tiven sensación de que a miña función non era a dun profesor buscando por medio da historia aportar ao seu alumnado chaves que axuden a comprender o presente, a estrutura e a evolución da sociedade; houbo moitos momentos nos que me sentín como un monstro cun abrelatas na man buscando como abrir os contedores impersoais que tiña diante de min na aula para enchelos de definicións, preguntas para desenvolver, documentos, decretos de nova planta, papel da igrexa, desamortización, ilustración en Galiza, nacionalismo catalán, reformas da IIª república española, dereitos das mulleres, estatuto do 1936, franquismo, plano de estabilización, contubernio de Múnic, sucesos do 72 en Ferrol, reivindicación de ruptura co réxime, 23F, café para todos, reconversión industrial.....; co único obxectivo de que ben estivado todo iso e moito máis puideran vomitalo en Pontevedra no caderno do exame do 12 de xuño ás 12 da mañá.

Pese a todo non son nada pesimista, teño confianza nunha mocidade da que aprendín moito neste curso, pois comprobei como houbo quen se mantivo firme no noso idioma pese ao contorno abafante e á ausencia case total de referentes galegos no mundo xuvenil, vin como se rebelaban contra o machismo e contra as inxustizas, alegreime de que non tiveran medo en discrepar de min sobre cuestións complexas que poñía enriba da mesa. Nestes últimos días comprobei ademais como hai quen se reafirman en encarar o seu futuro profesional cara ao ensino, e houbo quen me dixeron que estando de viaxe ou ao ter coñecemento dunha determinada noticia polos medios de comunicación lembraron algunhas das cuestións que tratamos nas aulas. Todo isto demostra que se conseguimos espertar a súa curiosidade, os mozos e mozas, aínda estando saturados e sometidos a moita presión, son capaces de relacionar feitos históricos coa realidade actual, é dicir, son quen de atoparlle utilidade á historia.

 

 

Comentarios