Opinión

De primarias, modas e outras lerias

Este domingo participei nas primarias organizadas por Iniciativa pola Unión


Este domingo participei nas primarias organizadas por Iniciativa pola Unión para a conformación das listas ao Senado e ao Congreso da única candidatura sen dependencias externas que os galegos e galegas poderemos votar o vindeiro 20 de decembro nas eleccións ás Cortes do Estado español, NÓS-Candidatura Galega. 

Nin fun nin son eu devoto do sistema de primarias, exclúo o futuro “serei” porque visto o visto ultimamente en canto ás mudanzas de criterios de algunhas persoas e organizacións nunca se sabe o nivel de degradación e de hipocrisía ao que é quen de chegar o ser humano. Sigo defendendo que o BNG é a organización máis democrática que coñezo, na que sempre foi a súa militancia a que decidiu sen que nos poidan dar leccións de democracia os que se moven por modas ou conveniencias.

O sistema de primarias é un sistema máis, para min non é o mellor pero foi o sistema de elección e participación escollido pola plataforma Iniciativa pola Unión que desde o primeiro momento se comprometeu a traballar pola conformación dunha candidatura galega e por tanto participei e vou seguir participando neste proceso coa intención de que o meu traballo aporte ao fortalecemento dunha presenza de Galiza en Madrid que até o momento foi garantida única e exclusivamente polo BNG.

Vemos como o de que as organización políticas tiñan que deixar paso a unha “cidadanía radicalizada e comprometida co proceso de cambio rupturista” non o crían nin eles mesmos

Todo isto vén a conto porque nos últimos días lembrei como persoas e organizacións non hai tanto impartían doctrina sobre nova política, horizontalidade, participación, primarias como único xeito democrático de dar resposta ás esixencias de participación da “cidadanía” etc... no camiño de que as organización políticas pasaran a asumir o papel de “motores auxiliares” dese gran motor principal que polo visto vai facer unha revolución dirixida polo candidato á presidencia do goberno español Pablo Iglesias Turrión.

E agora vemos como o de que as organización políticas tiñan que deixar paso a unha “cidadanía radicalizada e comprometida co proceso de cambio rupturista” non o crían nin eles mesmos, por iso houbo quen esqueceu todas esas ladaíñas da nova política e asinou un preacordo de tres partidos con reserva de dereito de admisión e con voto censatario, dicíndolle ao electorado ademais que a proposta é unha cando o día 20 a papeleta que atopará no colexio electoral será outra. Todo encadrado ao milímetro na liña desa suposta nova política que creou o sistema co obxectivo de debilitar a aquelas forzas que de verdade poden facerlle dano.
 
Moito rupturismo, moito independentismo, e moito chamamento a unha suposta participación que á hora da verdade a min lémbrame a aqueles compañeiros (case todos homes) dos meus tempos de estudante que se destacaban nas asembleas e nos debates e discusións universitarios por seren sempre os máis radicais e cando había que arrimar o ombro e dar a cara de verdade sempre tiñan unha escusa  perfecta para desaparecer.

O día 20 de decembro hai eleccións, Galiza xógase moito nelas e precisa aumentar a forza da súa voz en Madrid, unha voz sen dependencias externas que defenda os intereses da nosa nación e das súas clases populares. Serán unhas eleccións distintas dado que diante da desesperación provocada en importantes sectores da sociedade polos graves efectos da crise o sistema puxo en marcha unhas válvulas de escape que lle permiten liberar presión sen perigo de que a máquina gripe, garantindo así que a maquina do bipartidismo manteña o rumbo. Para que esas válvulas funcionaran eficazmente houbo un previo engraxado da maquinaria cuns medios de comunicación dedicados a desvalorizar o traballo colectivo, a organización da clase traballadora na defensa dos seus dereitos, a reivindicación da soberanía, etc... e a entronizar o papel supostamente rupturista das redes sociais e a potenciar figuríns de laboratorio mediático; cando consideraron que o campo de xogo estaba nas mellores condicións puxeron a xogar a Podemos presentándoo como salvador e rupturista e a Ciudadanos presentado como “pijo” moderno.

O problema case 80 anos despois segue a ser o da “España rota” dado que á “España roja” ben se encargaron de debilitala Podemos e os cabalos e eguas de Troia que tiña e ten no seu interior

As válvulas para soltar presión acumulada están funcionándolle moi ben ao sistema e por tanto non preocupan nin Podemos nin Ciudadanos, preocupa e moito o perigo dun choque inminente co pobo catalán, pois o problema case 80 anos despois segue a ser o da “España rota” dado que á “España roja” ben se encargaron de debilitala Podemos e os cabalos e eguas de Troia que tiña e ten no seu interior.

Nunha situación social que suma a un tempo desidia, desesperación e moitas doses de despiste ten aínda máis valor que case 5.800 galegos e galegas fixeran o esforzo de anotarse para participar no proceso de conformación de NÓS-Candidatura Galega e que delas máis de 4.000  decidiran investir parte dun domingo de novembro que ben parecía do mes de xuño pola climatoloxía en participar na votación e en colaborar nalgunha das 144 mesas abertas en toda Galiza.

Temos candidatura, temos nome, temos imaxe e temos milleiros de persoas que traballan todos os días conscientes de que son pobo e de que por ser pobo son unha parte imprescindíbel para que o 20 de decembro sexa nun novo chanzo na construción  desa nación galega en liberdade e dunha sociedade máis xusta. 

Comentarios