Opinión

Portugal castiga a Passos Coelho

Este domingo Portugal elexiu o seu poder local para o período 2013/2017, un poder local que mantén a característica de ser moi participativo

Onte Portugal elexiu o seu poder local para o período 2013/2017, un poder local que mantén a característica de ser moi participativo, pois nel o electorado elixe tres órganos representativos: Cámara Municipal, Assembleia Municipal e Assembleia de Freguesia, existindo aínda un cuarto que é a Junta de Freguesia elexida polos integrantes da Assembleia de Freguesia.

As eleccións de onte son as primeiras que se celebran despois da intervención do país pola troika coas graves consecuencias que para a vida do pobo portugués están a ter as medidas impostas e apoiadas inicialmente polos actualmente gobernantes PSD e CDS/PP e polo PS. Eleccións que contan con duas características marcantes:

  • Por unha banda ser as primeiras eleccións autárquicas nas que se aplica a reforma do poder local imposta pola troika e que supuxo a desaparición de 1.165 freguesías ficando o seu número en 3091, e ser tamén as primeiras nas que se aplica a prohibición de presentarse no mesmo concello aqueles que cumpriron tres mandatos consecutivos na presidencia da cámara.
  • Por ter unha lectura nacional ao celebrarse nun país que leva máis de dous anos sofrindo as medidas impostas pola troika e por tanto servir como termómetro do efecto electoral desas medidas tanto sobre o goberno como sobre a oposición.

Pendentes aínda do remate do reconto e cunha participación algo máis de seis puntos inferior a 2009 a primeira constatación dos resultados de onte é o duro golpe que leva o Partido Social-democrata (PSD) maioritario no goberno e por tanto máximo responsábel da asunción e execución das medidas impostas pola troika, unha perda que o fai caír ao PSD a menos dun 17% a nivel nacional fronte ao 23% acadado en 2009 perdendo concellos emblemáticos como Porto ou Gaia e cedendo aos socialistas sete dos once concellos da Illa de Madeira. Curiosamente esta derrota non afecta ao seu socio de goberno o CDS/PP que mantén a porcentaxe de voto e a Ponte Lima, única cámara que gobernaba até agora suma outras tres.

O pobo castiga o PSD como executor das políticas da Troika, mais a meirande parte do voto do castigo vai cara un PS que estando no goberno foi quen negociou esas medidas

O máis favorecido por esa queda do PSD é o outro partido central do sistema político portugués, o Partido Socialista, que cunha porcentaxe de voto ue non supera á de hai catro anos a nivel nacional acada a maioría absoluta en Lisboa e aumenta en conxunto o número de cámaras que goberna pese a perder Braga, Évora, Beja e Matosinhos.

Canto á esquerda real os resultados son opostos, o Bloco de Esquerda non dá asentado a súa presenza municipal pese á importante representación que mantén na Assembleia da República, e se en 2009 obtivo un 3,02 % desta vez cae perdendo porcentaxe e votos, ademais de ceder ao PS a única presidencia de Cámara que detentaba en Salvaterra de Magos. Salvo sorpresa que se produza no final do reconto non dará elexido vereador en Porto nin en Lisboa onde presentaba ao seu coordenador João Semedo.

Por contra a CDU (coalición integrada polo, PCP e Os Verdes) mellora os resultados de hai catro anos superando o 11% de apoio a nivel nacional, mantén a maioría das Cámaras que presidía e recupera outras como Loures na zona de Lisboa ou as emblemáticas alentejanas de Évora, Beja e Grándola, sendo destacábel tamén que no norte recupera a presenza nas cámaras de Viana de Castelo e Braga.

Pendentes de facer unha análise máis polo miúdo en vindeiros días podemos dicir que o electorado portugués castiga o PSD como executor das políticas da troika pero a meirande parte do voto de castigo vai cara un PS que estando no goberno foi quen negociou esas medidas. E en canto ás organizacións que defenden políticas alternativas constátase que a transformación en apoio electoral dos importantes movementos de protesta é  demasiado lenta.

Comentarios