Opinión

Next Generation, o maná que non é tal

Next Generation, dúas palabras desde hai uns meses presentes na nosa vida, palabras escoitas e relacionas con algo positivo, e as persoas que se consideran informadas din que é a denominación dos fondos aprobados pola Unión Europea para que por fin poidamos saír da crise económica e social, na que estamos inmersos como consecuencia da pandemia provocada pola Covid-19.

Non vou entrar en cuestións técnicas sobre os fondos, pois non son especialista no tema e Nós vén publicando informacións e análises ao respecto. Pero si quero amosar a miña gran preocupación polo feito de que unha vez máis dicir que algo procede da Unión Europea serve para agachar o que hai detrás, dándolle a unha institución que non é máis que un instrumento que responde á estratexia do capital a categoría de institución benéfica.

Eses fondos, dos que ao Estado español correspóndenlle 140.000M de euros e a Galiza aínda non sabemos, non son un agasallo da UE ou dos estados máis desenvolvidos, e por tanto non van saír gratis pese a que se diga que a metade van ser a fondo perdido. A modernización, dixitalización e conversión da actual economía contaminante nunha economía verde, é unha melodía que soa ben a calquera que a escoite; pero non esquezamos que o compositor e intérprete é a mesma Unión Europea que afogou case até a extenuación os pobos grego e portugués, que estabeleceu o principio de equilibrio financeiro para os estados membros (só suspendido de xeito temporal), e que nos impuxo anteriormente duros recortes.

Hai quen di que a grave crise na que estamos levou os nosos gobernantes a aprender de erros anteriores, que nesta ocasión non haberá sufrimento, non veremos os señores de preto da troika portando os maletíns coas imposicións de recortes, e as transformacións van servir para preparar a economía da UE para o futuro, unha economía que será máis competitiva no mercado globalizado e máis sustentábel.

Pero detrás das boas palabras agáchase exclusivamente a necesidade de reformulación que ten o capital para obter maior beneficio, reformulación na que levaba tempo empeñado; o traballo online na casa, a precariedade dos servizos e reparto de mercadorías de todo tipo cada vez máis presentes sobre todo nas cidades disfrazados de emprendedorismo, e as campañas para popularizar a idea dun capitalismo verde, levan uns anos acompañándonos. 

Facendo bandeira da expresión toda crise é unha oportunidade, búscase aproveitar a pandemia para acelerar ese proceso de reformulación, reformulación non só na produción senón tamén nas relacións laborais e nuns dereitos sociais que se buscará reducir aínda máis coa escusa da modernización e eliminación de rixideces que impiden o desenvolvemento da economía. A non derrogación da última reforma laboral ou os globos-sonda do Goberno do Estado, sobre a necesidade de aumentar o tempo de cómputo para calcular as pensións de xubilación, non son casuais.

A necesidade de que os estados presenten plans de reformas estruturais para acceder aos fondos, a centralización da xestión, no caso do Estado español consagrada por real decreto, e a decisión de converter en fundamental para xestionar os fondos o modelo de colaboración público-privada, que favorece basicamente as grandes empresas multinacionais, son proba de que o obxectivo non é o beneficio social.

Poderiamos considerar a xestión que está a realizar a UE da compra de vacinas un exemplo-piloto do que se quere facer coa totalidade dos fondos; coa colaboración público-privada a UE entregou millóns de euros a determinadas multinacionais farmacéuticas, para que investigaran e produciran as vacinas, vacinas que esas mesmas multinacionais venden agora á propia Unión Europea, obtendo beneficio dobre ao investigar con cartos públicos e vender o resultado ao prezo que consideren, chegando incluso a ameazar con desabastecemento caso de non ser atendidas as súa peticións. O investimento público en investigación tería suposto un aforro e un beneficio social, pero non é negocio.

Comentarios