martes 24/11/20

Joe Biden, o regreso do imperialismo bo?

Calquera persoa decente alégrase da derrota de Donald Trump ao ser un golpe para os sectores máis duros da extrema dereita dos Estados Unidos, e tamén para a operación coordinada que desde hai uns anos busca implantar o seu modelo político noutros ámbitos xeográficos. 

Pero unha cousa é alegrármonos da derrota de Trump e outra pensar que se abre unha etapa marcada polo progresismo; a quen falan de que Joe Biden é un presidente situado á esquerda a alegría non lles vai durar demasiado. Biden e Trump non son tan diferentes, ambos están comprometidos coa idea de que os EUA teñen a función transcendental de liderar a humanidade, impoñendo ao mundo o seu modo de vida, e defenden os intereses de sectores económicos e políticos do imperio aos que separan só pequenos matices.

O derrotado Donald Trump pasará á historia como unha anomalía no sistema político dos EUA, pero unha anomalía con compoñentes moi propias dese país. A súa chegada á Casa Branca non estaba prevista e a súa actuación nestes catro anos levantou algunhas dores de cabeza, máis polas formas e por algúns excesos que polo fondo. Ademais moitos analistas coinciden en que a súa etapa permitiu ao sistema poñer enriba da mesa problemas graves que estaban poñendo en grave perigo a súa hexemonía, e non por acción dun inimigo externo real ou inventado, senón por disfuncións no sistema. Trump denunciou que a globalización afectaba gravemente á industria e o emprego internos debido á deslocalización da produción e á preponderancia do segmento capitalista dominado pola economía especulativa de Wall Street. Trump adoptou medidas que crearon emprego e mellorou a economía, e de non ter sido pola súa actitude diante da Covid-19, podería ter gañado as eleccións, sendo unha simplificación o de que estamos diante da derrota dun tolo.

Nos despachos que moven os fíos nos EUA está claro que tomaron nota destes catro anos, e comprobarémolo en canto Joe Biden se instale na Casa Branca e adopte as primeiras medidas.

Nin Biden nin Kamala Harris son uns descoñecidos. Joe Biden foi vicepresidente daquel Barack Obama que a industria de propaganda segue vendéndonos falsificado como un atractivo e progresista afroamericano coas mans libres de compromisos que chegou á presidencia derrotando ao stablishment. Biden foi corresponsábel e en ocasións directo brazo executor dalgunhas das políticas máis agresivas dos últimos decenios dirixidas por Obama, como a deportación de máis de 3 millóns de inmigrantes, o golpe de Estado na Ucraína ou a intervención militar da OTAN en Libia. Kamala Harris, da que só se destaca o feito de ser muller e afroamericana, chega á vicepresidencia tras unha longa carreira política, aportando á campaña apoio financeiro dunha parte importante da industria audiovisual (WarnerMedia, Walt Disney) e de Silicon Walley, sendo ademais a candidata favorita do importante lobby xudeu dos Estados Unidos.

Biden non botará abaixo a globalización, como tampouco o fixo Trump, pero a súa  globalización será distinta; para non poñer en perigo o poder do imperio sobre o planeta deberá garantir a produción nos propios EUA, evitando novas crises internas e a aparición dunha masa de desempregados e excluídos sociais caldo de cultivo para perigosos estoupidos sociais; precisa ademais atraer segmentos da clase obreira que hoxe son parte da base de apoio de Trump.

Está claro que os modos van mudar ao ter comprobado que a actuación internacional de Trump en vez de afianzar o liderado dos Estados Unidos permitiu ao seu adversario principal, a China, mellorar a súa posición global. Biden buscará mellorar as danadas relacións coa Unión Europea para evitar que actúe con un criterio propio que poida levar a un achegamento a Rusia visto con bos ollos por Alemaña. Pero os novos modos cos socios preferentes só pretenden afianzar a hexemonía estadounidense, e non virán acompañados dunha mudanza real na tradicional política intervencionista en América Latina e outros ámbitos xeográficos como Oriente Medio ou Afganistán.

Joe Biden, o regreso do imperialismo bo?
comentarios