Opinión

A incógnita grega

O 25 de xaneiro Grecia celebra eleccións parlamentares anticipadas e as enquisas din que as gañará Syriza quedando en segundo lugar e a pouca distancia o actual partido gobernante de dereita Nova Democracia mentres que o socialdemócrata Pasok ten perigo de desaparecer ou quedar reducido á anécdota despois de formar goberno desde xuño de 2012 con Nova Democracia.

O 25 de xaneiro Grecia celebra eleccións parlamentares anticipadas e as enquisas din que as gañará Syriza quedando en segundo lugar e a pouca distancia o actual partido gobernante de dereita Nova Democracia mentres que o socialdemócrata Pasok ten perigo de desaparecer ou quedar reducido á anécdota despois de formar goberno desde xuño de 2012 con Nova Democracia.
Nas poucas semanas que restan até as eleccións pode pasar de todo nun volátil escenario como o grego, volatilidade debida tanto aos movementos internos partidarios para situarse na mellor posición cara o 25 de xaneiro como á presión exercida pola troika, polos distintos gobernos europeos e polo poder económico; e non falamos por falar dado que na mesma Grecia temos un exemplo moi recente nas eleccións de maio de 2012 que ao non dar o resultado que consideraba máis acaído a troika levaron a outra convocatoria un mes despois, período no que o povo grego foi sometido a un brutal ataque mediático para que votara correctamente.

"Desde xuño de 2012 cando unha sucia campaña do medo lles arrebatou unha daquela previsíbel vitoria electoral  Syriza e o seu líder Tsipras teñen aumentado en apoio popular"

Diversos analistas falan de que entre os máis interesados en forzar estas eleccións estaban algúns dos apoiantes do goberno conscientes de que o sistema político  vixente desde hai 40 anos hexemonizado polo Pasok está ferido de morte e precísase dun revulsivo que permita tecer unha nova tea de araña e como dicía Lampedusa mudar todo para que nada mude, e nese movemento hai quen consideran a Syriza o coello de indias involuntario.

Desde xuño de 2012 cando unha sucia campaña do medo lles arrebatou unha daquela previsíbel vitoria electoral  Syriza e o seu líder Tsipras teñen aumentado en apoio popular, a situación social non fixo máis que empeorar e os sectores máis desfavorecidos atopan neles a esperanza de poder mudar un país cun 27 de desemprego, que é un 50% na mocidade, 3 millóns de persoas sen asistencia sanitaria, decenas de milleiros de persoas sen fogar e 4 millóns por debaixo dos niveis da pobreza, cunha débeda pública que en 2010 supoñía o 125% do PIB e neste momento está en máis do 175%.

Syriza é hoxe a única alternativa electoral con propostas diferentes á austeridade e aos recortes que ten posibilidades reais de acceder ao goberno, e un povo grego agredido e empobrecido polas medidas impostas pola troika semella que ten postas nela as súas esperanzas. As súas propostas conteñen medidas que mellorarían as condicións de vida dos sectores máis golpeados como son a garantía para toda a poboación do abastecemento de auga, electricidade e atención sanitaria, o aumento do salario mínimo e a recuperación dos convenios colectivos, e en canto á débeda propoñen a cancelación do 50% por ser imposíbel de pagar.

"Para poder gobernar Syriza ten que ser a primeira forza nas eleccións do día 25 pois o sistema electoral grego regálalle automaticamente 50 escanos a quen quede de primeiro, pero aínda así é improbábel que lle chegue para gobernar en solitario"

Para poder gobernar Syriza ten que ser a primeira forza nas eleccións do día 25 pois o sistema electoral grego regálalle automaticamente 50 escanos a quen quede de primeiro, pero aínda así é improbábel que lle chegue para gobernar en solitario, sendo aí onde entra o papel dos pequenos partidos para articular unha maioría gobernamental ou de non chegarse a acordos, como aconteceu en 2012, para provocar unhas novas eleccións se é imposíbel formar goberno.

Hai uns días o ex-primeiro ministro Yorgos Papandreu anunciou a creación dun novo partido, Movemento dos Socialistas Democráticos, co que irá a unhas eleccións nas que o Pasok, fundado polo seu pai e co que el mesmo foi primeiro ministro, pode ficar sen representación. Papandreu tentará xogar o papel de rexenerador da socialdemocracia helena despois do suicidio do Pasok na alianza gobernamental coa dereita, para iso aproveitará o seu prestixio por tentar someter a referendo en 2011 as medidas que lle obrigaba a aplicar a troika, un referendo que lle foi imposíbel convocar e que o levou a dimitir, e tamén procurará vender unha imaxe europeísta responsábel  fronte ao radicalismo anti-europeísta de Syriza.

Hai outro novo partido en ascenso, To Potami (O Río), fundado en marzo de 2014, que obtivo dous escanos no Parlamento Europeo (Grecia elixe 21) de ideoloxía indefinida, centra o seu discurso na corrupción e no nepotismo e ten como activo fundamental a popularidade do seu líder, un presentador de tv chamado Stavros Theodorakis.

"O comunista KKE ten declarado que non pactará con Syriza ao considerala un simple recambio dun sistema podre que tarde ou cedo estoupará polas súas contradicións e polo aumento da loita de masas"

As enquisas prevén uns bos resultados para estes dous partidos, e de ser así  poderían convertirse nos aliados perigosos pero imprescindíbeis dunha Syriza precisada de apoios para conformar goberno dado que o comunista KKE ten declarado que non pactará con Syriza ao considerala un simple recambio dun sistema podre que tarde ou cedo estoupará polas súas contradicións e polo aumento da loita de masas, e Esquerda Democrática (excisión de Syriza pola dereita) que inicialmente apoiou ao actual goberno podería ficar fóra do parlamento.

Syriza móvese no gume da navalla pois até agora foi atacada por goberno e troika que a consideraban un demo ao que había que impedir chegar ao goberno sendo eses ataques tan esaxerados os que lle fixeron gañar apoio electoral até ser a primeira forza nas pasadas eleccións europeas, pero nestes últimos meses tentou dentro e fóra de Grecia darse a ver como unha alternativa seria e non radical, que non cuestiona a Unión Europea senón fundamentalmente as políticas que se aplican aos estados do sur, co obxecto de sumar o apoio electoral de sectores moderados procedentes da socialdemocracia e tranquilizar aos mercados. Algúns destes movementos como a presenza e o discurso de Tsipras en setembro pasado no Foro Ambrosetti (semellante ao club Bilderberg) ou os intentos de sumar a coñecidos membros do Pasok até hai poucas semanas totalmente comprometidos co actual goberno teñen provocado a crítica da ala esquerda do partido e incluso unha declaración pública de advertencia do seu eurodeputado e referente ético pola súa loita contra o nazismo Manolis Glezos de 92 anos.

O 25 de xaneiro está aí mesmo pero nunha situación política e social como a grega hai previsións e análises que hoxe teñen base e mañá poden carecer de calquera valor, por tanto deberemos acompañar diariamente os movementos que se poidan producir.

Comentarios