Opinión

"Haberá máis docentes que antes da pandemia"

Con esa afirmación respondeu hai uns días a Xunta de Galiza ás denuncias de recortes de profesorado feitas pola CIG e por diversas ANPA, empregando unha obviedade para agachar a súa política continuada de ataques ao ensino público. Dicir que o vindeiro curso haberá menos docentes que o curso que vén de rematar sería recoñecer publicamente que fan recortes en plena pandemia.

A Consellería de Educación, como fai sempre, aproveita o remate de curso escolar para anunciar redución de profesorado; redución que como se estivesemos diante dunha maldición afecta sempre ao ensino público e moitas veces vén acompañada da publicación no Diario Oficial da Galiza (DOG) de novas autorizacións de ampliación de unidades en centros concertados, que é o subterfuxio empregado para referirse ás empresas e institucións, no noso país maioritariamente vinculadas á igrexa católica, que converten o dereito fundamental á educación en obxecto de negocio; negocio que ademais está pagado con cartos públicos.

Nunca direi que o PP é parvo, controla moi ben a comunicación, traslada por medio da inspección educativa os recortes de profesorado de xeito individual a cada centro, agacha os números totais e paralelamente mantén a súa intensa campaña publicitaria sobre un aumento de profesorado no ensino público nunca visto.

No ensino secundario os recortes de máis de 400 docentes planifícanse para executar en dúas etapas, unha porcentaxe reducida no curso 2021/2022 e a maioría no curso 2022/2023; transmitindo a idea de que non hai un gran volume de recortes e dividindo os afectados entre quen teñen o problema agora e quen non o terán até setembro de 2022. Unha estratexia comunicativa coa que buscan, e moitas veces conseguen, que os centros e o conxunto da poboación interpreten a redución de profesorado como un problema concreto e puntual relacionado coa baixa de matrícula, e non como un problema que afecta ao conxunto do ensino público galego.

E para poñer o ramo a esa estratexia comunicativa, as datas elixidas para comunicar os recortes tampouco son casuais. Tendo en conta que até ben entrado setembro non remata o período de matriculación, o lóxico sería anunciar calquera tipo de modificación dos cadros de persoal nese momento. Pero o Partido Popular non recorta porque haxa menos alumnado ou porque haxa menos cartos, é unha decisión de claro carácter ideolóxico, o mesmo carácter ideolóxico que o leva a autorizar máis unidades a centros privados en localidades nas que o ensino público ten capacidade para asumir todo o alumnado. O PP sabe ben que co curso escolar finalizado a paréntese do mes de agosto convértese nun grande obstáculo para poder organizar mobilizacións de protesta, por parte das comunidades escolares afectadas, ANPA e organizacións sindicais.

O ataque ao ensino, á sanidade e ao conxunto dos servizos públicos e sociais é inaceptábel prodúzase cando se produza; pois bota por terra dereitos básicos, conquistados co esforzo e incluso co sangue de xeracións. E hoxe, cando a nosa sociedade segue inmersa nunha situación sanitaria moi delicada provocada pola Covid-19, con aparición de novas variantes do virus das que descoñecemos a súa evolución, eses ataques non se poden cualificar doutro xeito que de unha irresponsabilidade.

Pero fronte a esa decisión non serve laiarse, hai que moverse e presionar para impedir que á situación discriminatoria na que estivo escolarizado moito alumnado no curso que rematou, se lle sume a redución de docentes. E debemos velo como unha cuestión de solidariedade co instituto X ou co colexio Z; trátase dunha acción de autodefensa como sociedade, para evitar que as cargas explosivas que o goberno de Núñez Feijóo leva tempo poñendo no ensino público segan estoupando.

Dicía Paulo Freire que non estamos no mundo simplemente para adaptarnos a el, senón para transformalo; pois defender un ensino público de calidade é traballar por contarmos con unha panca fundamental para poder transformar Galiza en función dos intereses das maiorías sociais.

Comentarios