Opinión

Grecia: lección de dignidade para continuar a loita

A vitoria do NON no referendo celebrado onte na Grecia supón un duro golpe para a Troica e unha grande lección de dignidade dada por un pobo 


A vitoria do NON no referendo celebrado onte na Grecia supón un duro golpe para a Troica e unha grande lección de dignidade dada por un pobo que pese á chantaxe interna e externa decidiu dicir NON a novos recortes, á explotación das clases populares e a un continuo empobrecemento que está levando á sociedade grega a unha situación de colapso.

A Unión Europea puxo toda a carne no asador buscando unha derrota do pobo grego que quería converter en exemplo para calquera outro pobo que ousara enfrontarse aos seus ditados, e ao longo dos pasados días asistimos a un espectáculo dantesco de manipulación, desinformación e ameazas contra un pobo que era chamado polo seu goberno a dar a súa opinión sobre unha proposta de recortes posta enriba da mesa pola troica.

Eu era pesimista ao respecto do resultado e hoxe recoñezo que me equivoquei, supoño que a lembranza do acontecido en Francia, Holanda, Dinamarca e Irlanda nas diversas consultas realizadas sobre os tratados da Unión Europea cando decisións adoptadas soberanamente por eses pobos foron traizoadas polos gobernantes pesaba sobre o meu ánimo, e a eses precedentes uníase a constatación de que o pobo grego estaba sufrindo un auténtico terrorismo político e mediático. Recoñezo que non valorei suficientemente a capacidade de reacción dun pobo en situación de desesperación como neste caso o pobo grego enfrontado ás auténticas hienas do FMI, o BCE e a UE.

Co 96,62% escrutado un 61,32% de votos NON pode abrir un novo camiño para quen na Grecia buscan construír unha nova Europa, sen recortes, sen chantaxes e sen ser gobernados polos lacaios do capital.

Merkel e Hollande veñen de convocar unha cimeira da Unión Europea para mañá martes e ao seu remate saberemos cal é a resposta da UE ao resultado deste referendo. Merkel manifestou repetidas veces que non había nada que falar até coñecer o resultado do referendo e outros gobernantes como o español e o portugués foron tremendamente agresivos contra Grecia con declaracións propias de ditadores quen non asumen nin a democracia nin o dereito de cada pobo a decidir o seu futuro. Agora con este resultado sobre a mesa se o Eurogrupo mantén a presión podería producirse unha saída de Grecia do euro, algo que non quere Syriza e algo que en principio tampouco conviría a unha Unión Europea que mantén o seu discurso de que non é posíbel vivir fóra da moeda única. Ademais unha hipotética saída de Grecia do euro situaría a ese país nunha situación de inestabilidade preocupante para os intereses da OTAN e dos EEUU, pois non debemos esquecer o seu importante papel xeoestratéxico.

Eu sigo sen fiarme de Syriza dado que non variou os seus posicionamentos favorábeis á UE e ao euro 

Grecia e a UE teñen por diante unhas semanas intensas, a posibilidade dunha quita á actual débeda grega, que neste momento está en perto do 180% do seu PIB, a negociación dun terceiro rescate e incluso a hipotética saída da eurozona estarán enriba da mesa.

Se ben o auténtico protagonista do referendo foi o pobo grego non esquezamos que Syriza, e sobre todo Tsipras e Varoufakis xogábanse o seu futuro co pulso que decidiron botarlle á Troica ao convocar unha consulta tan estraña e para min con truco, pois a realidade é que o pobo grego votou NON a unha proposta presentada na reunión do Eurogrupo do 25 de xuño que xa non está vixente,  posteriormente á súa presentación houbo novas negociacións con propostas e contrapropostas tanto da Troica como do goberno grego.

Syriza xogou moi ben as súas cartas ao transformar o NON á proposta do 25 de xuño nun exercicio de dignidade do pobo grego e de apoio ao goberno; ese movemento que descolocou aos adversarios permitiralle ao goberno grego presentarse na vindeira rolda negociadora con máis forza e ademais conseguiron enviar a pelota ao tellado do Eurogrupo. Pero o partido está aínda moi lonxe de rematar e, a menos que a troica decida deixar caer a Grecia forzando a súa saída da eurozona,  Tsipras pode atoparse cun novo problema se lle aceptan a contraproposta que presentou o pasado martes día 30 na que en carta asinada por el mesmo aceptaba a maioría dos recortes propostos a cambio dunha quita da débeda e de deixar ao FMI fóra das negociacións.

Eu sigo sen fiarme de Syriza dado que non variou os seus posicionamentos favorábeis á UE e ao euro e mantén que a actual situación débese basicamente á correlación de forzas e non á propia funcionalidade da Unión Europea, pero esa desconfianza non me impide recoñecer a súa capacidade de xogo convocando unha consulta que lle deu un bo resultado.

As persoas e organizacións que defendemos o dereito dos pobos a decidir sobre o seu futuro e unha outra Europa penso que debemos estar alegres polo resultado do referendo celebrado onte en Grecia, que o pobo grego dixera onte NON aos recortes  tamén para nós supón un respiro que nos permite encarar a loita con máis forza.

Comentarios