Opinión

En Grecia desta vez gañaron a Troika e o seu novo valedor

Na noite do 25 de xaneiro e unha vez soubo da súa vitoria nas eleccións lexislativas Syriza puxo nas redes sociais a frase “Chegou a esperanza”


Na noite do 25 de xaneiro e unha vez soubo da súa vitoria nas eleccións lexislativas Syriza puxo nas redes sociais a frase “Chegou a esperanza”;  pasados case seis meses, o pasado 5 de xullo no discurso de valoración do resultado do referendo no que máis dun 61% d@s votantes dixeron un claro NON aos recortes e ás propostas do Eurogrupo o propio Alexis Tsipras dixo: “O pobo grego hoxe deu resposta á pregunta: Que Europa queremos. E respondeu: Queremos a Europa da solidariedade e a democracia(...) Ao mesmo tempo, xa estamos listos para continuar coa negociación.Cun plan de financiamento críbel. Cun proxecto de reforma, pero que terá a aceptación da sociedade grega. En termos da xustiza social, é dicir, o transporte de cargas polos débiles aos economicamente fortes(...)”

Na campaña electoral para as eleccións de onte Syriza non centraba a súa mensaxe en que era a esperanza nin en facer pagar máis a quen é economicamente máis forte; a súa mensaxe poderíamos resumila en  “votade por nós para ter estabilidade, estabilidade para garantir a aplicación do terceiro rescate”, un rescate aceptado por Tsipras poucos días despois da vitoria do NON no referendo e que botou por terra moitas esperanzas dándolle unha labazada a un pobo que confiaba na posibilidade de poñer en marcha outras políticas que puxeran fin ao sufrimento.

"Votou o 56,6% do electorado fronte a un 63,6% nas eleccións do pasado mes de xaneiro ou un 62,5% no referendo de xullo"

Si queremos poñerlle un calificativo ás eleccións celebradas onte podemos dicir que foron as eleccións da “desilusión” e o “escepticismo”, algo comprobado nunha campaña fría e pouco participada e tamén na afluencia de votantes aos locais electorais pois votou o 56,6% do electorado fronte a un 63,6% nas eleccións do pasado mes de xaneiro ou un 62,5% no referendo de xullo.

Tal e como indicaban todas as enquisas, Syriza revalidou a vitoria aínda que cun castigo escaso e menor do agardado, pois co 92% dos votos escrutados obtivo un 35% de apoio perdendo só 1 punto e 4 escanos; un resultado que tendo en conta que a lexislación electoral grega concede de xeito automático 50 deputad@s á forza gañadora permitiría a Tsipras repetir goberno coa suma aos seus 145 escanos dos 10 obtidos por quen foi o seu socio de goberno, o ANEL.

Os mecanismos para conformar goberno en Grecia son moi rápidos, mañá mesmo ou nun par de días a máis tardar teremos a certeza de se repite o máis que probábel goberno Syriza-ANEL que se anunciou esta mesma noite a poucas horas do peche das urnas ou finalmente Tsipras tenta ampliar os seus apoios co obxectivo de contar con máis forza na aplicación das medidas contidas no acordo ao que chegou coa Troika, unha ampliación que podería pasar pola entrada tamén do socialdemócrata Pasok no goberno, un partido ao que moitos daban por amortizado co seu fracaso nas eleccións do mes de xaneiro, pero que vén de acadar o cuarto posto no parlamento recuperando votos e escanos presentándose en alianza cun pequeno partido que foi excisión de Syriza hai uns anos.

"É preocupante a ascensión da extrema dereita de Amencer Dourado que aumenta en apoios e en deputados"

É preocupante a ascensión da extrema dereita de Amencer Dourado que aumenta en apoios e en deputados consolidándose como terceira forza no parlamento grego ao recoller moito voto desencantado coa “política e cos políticos” de persoas que non seu momento desertaron fundamentalmente do Pasok cara Syriza e agora diante do comportamento desta e do medo inducido ao  efectos que pode ter para o seu futuro a chegada de milleiros de refuxiados pasan a acreditar nos discursos demagóxicos  e xenófobos da extrema dereita.

A Unión Europea non o vai ter difícil a partir de agora en Grecia cun Tsipras que se consolida e que conseguiu con estas eleccións anticipadas impedir a organización da oposición interna e a presenza da súa excisión Unidade Popular no parlamento heleno dado que non acadaron ningún escano; así algúns dos que se teñen enfrontado duramente á aceptación por parte de Tsipras das condicións impostas polo Eurogrupo como a presidenta do parlamento Konstantopoulou ou o exministro Lafazanis non o poderán facer de novo cando menos desde un escano.

"A oposición de esquerda na praza Syntagma unha vez a Unidade Popular non obtivo representación estará en mans unicamente do partido comunista KKE"

A oposición de esquerda na praza Syntagma unha vez a Unidade Popular non obtivo representación estará en mans unicamente do partido comunista KKE que, pese á súa capacidade de mobilización e ás súas acertadas análises ao respecto da actuación de Syriza, non é quen de recoller o voto de importantes sectores das clases populares que tiñan confiado en Tsipras e agora séntense decepcionados e traizoados. O KKE mantén os seus 15 escanos e ten unha leve subida na porcentaxe de voto.

En nove meses escasos o que algúns, tamén en Galiza, anunciaron como o parto dunha nova alternativa que se estendería sumando forzas con outras de distintos pobos na construción dunha Unión Europea máis xusta non foi máis que un aborto que baixo a careta dunha suposta esquerda radical agachaba a un grupo de políticos capaces de vender fume pero incapaces de manterse firmes facendo valer a decisión adoptada polo seu pobo en referendo de non aceptar novos recortes. 

Moit@s non entenderán como pode ser que que a xente mantivera o voto en Syriza, certamente é difícil de entender así en quente pero non debemos esquecer que despois de anos de duros sacrificios o que se lles vende é que a política de Tsipras é a menos mala, que calquera das outras opcións é peor; e tamén debemos ter en conta que da aceptación do terceiro rescate ás eleccións de onte pasaron escasos dous meses, moi pouco tempo para que unha persoa non ideoloxizada supere a desilusión e empece a acreditar na existencia de outra alternativa. 

É posíbel que nos vindeiros meses diante da aplicación de algunhas das duras medidas incluídas no terceiro rescate se reproduzan as grandes mobilizacións pero tampouco debería estrañarnos que o resultado electoral de onte provoque desmobilización de quen estaban á cabeza da contestación ás políticas aceptadas por Syriza pois cando menos electoralmente esta batalla gañárona Tsipras e a Unión Europea.

Comentarios