Opinión

Escocia somos tamén nós

Hai dez anos ninguén acreditaría en que Escocia podería encabezar o grupo de nacións que percorren o camiño cara un futuro independente e hoxe témola aí.

O vindeiro 18 de setembro o povo escocés terá oportunidade de decidir en referendo sobre o seu futuro, quen voten ese día deberán respostar a unha pregunta moi concreta: Debería Escocia ser un país independente? Si ou non; e da decisión d@s votantes dependerá que Escocia se manteña unida ao Reino Unido da Gran Bretaña ou abra o proceso para a creación dun estado independente.

"Hai dez anos ninguén acreditaría en que Escocia podería encabezar o grupo de nacións que percorren o camiño cara un futuro independente e hoxe témola aí"

Hai dez anos ninguén acreditaría en que Escocia podería encabezar o grupo de nacións que percorren o camiño cara un futuro independente e hoxe témola aí. Tampouco nos atreveríamos hai só tres ou catro anos a dicir que en Catalunya a conciencia nacional medraría de tal xeito que nas sempre presentes procupacións do españolismo sobre un perigo de ruptura do estado pasaría a ocupar Catalunya o primeiro lugar, moi probabelmente de preguntarnos daquela cal sería a nación que poría en maior perigo a unidade do estado diríamos que sería Euskadi.

Malia o que se poida pensar o futuro non está escrito nin nun muro, nin nun libro sagrado, nin nas estrelas, nin nas entrañas dun animal sacrificado; por contra, tanto o que poida acontecer mañá como o resultado dun partido de fútbol ou a saída á crise do ébola serán froito dun proceso dialéctico pois a historia móvese en base á dialéctica e cada proceso histórico ten as súas propias características podendo influír nel múltiples elementos e iso sábeno moi ben quen nos governan.

"Bota por terra un dos argumentos que emprega machaconamente o españolismo ao dicirnos que o dereito de autodeterminación é aplicábel só a países do chamado terceiro mundo e non ten razón de ser en Europa"

De existir, cousa que dubido, un observador ou observadora imparcial da realidade galega, seguramente preguntaríase estrañad@ pola razón que leva aos medios de comunicación máis influíntes de Galiza a botar unha grosa manta de silenzo sobre o referendo que se celebrará en Escocia cando estamos a un mes escaso da súa celebración, tendo en conta ademais que Escocia non é Galiza e que o pequeno apoio electoral co que neste momento conta o soberanismo galego non supón un perigo inminente, non se albiscando en principio que en breve prazo sexa posíbel erguer na nosa nación unha marea autodeterminista forte que debilite aínda máis os cimentos da pacífica convivencia entre España y sus regiones.

E no caso de que ese observador ou observadora imparcial tivera relación directa co mundo da información ou das audiencias certamente ficaría estrañad@ ao comprobar que editorialistas, columnistas e tertulian@s sábelo todo gardan silenzo seguindo a máxima de que o que non sae nos medios non existe.

Esta ocultación non é nin casual nin froito da manía que poida ter alguén á gaita escocesa ou ao kilt que orgullosamente visten moitos escoceses. A ausencia de información débese a que o poder que nos oprime é consciente do efecto que para o noso propio proceso de autodeterminación pode ter o coñecemento sen impedimentos do que acontece en Escocia. Un coñecemento que bota por terra un dos argumentos que emprega machaconamente o españolismo ao dicirnos que o dereito de autodeterminación é aplicábel só a países do chamado terceiro mundo e non ten razón de ser en Europa. Escocia é Europa e en Europa o vindeiro 18 de setembro o povo escocés decidirá sobre o seu futuro.

A celebración do referendo, sexa cal sexa o seu resultado, supón xa un paso adiante no proceso de autodeterminación dese povo pois a convocatoria do referendo non foi un agasallo senón unha conquista. 

Comentarios