Suso, Mercedes, Sabela, Divina, Cibrán Anxo, Xoán, Manuel, Manuel, Sonia, Olga, Anxos, Carme, Magoia, Marina, Antón, Xosé, Esperanza, Luis, Rebeca, Lucía, Arturo, Alonso, Carlos, Santi, Sara, Antón, Marta e Anxo que aparecen neste vídeo son protagonistas dun futuro que se constrúe día a día.
"Saben que para facer realidade ese ensino público galego polo que traballan precisan un país que poida decidir sobre o seu futuro"
Son ensinantes de todos os niveis e de distintas xeracións, de cidades, de vilas e do rural; son ensinantes que podían ter optado pola postura cómoda de non mollarse e dedicarse simplemente a desenvolver o seu labor docente cumprindo horario e punto, ou podían ter decidido participar de opcións menos arriscadas seguindo algunhas modas imperantes, ou comulgar co que hai, ou como moito ser partidari@s de darlle unha simple capa de pintura ao edificio para que pareza ser o que non é.
Tod@s el@s decidiron participar na construción da mellor ferramenta coa que conta hoxe o ensino en Galiza, pois saben que cada un ou cada unha en solitario non poderemos mudar as cousas, porque saben que un mestre e unha mestra, un profesor e unha profesora non son outra cousa que un traballador e unha traballadora e por tanto deben ir cóbado con cóbado co resto da clase traballadora sen compartimentos estancos e sen castas.
Saben que para facer realidade ese ensino público galego polo que traballan precisan un país que poida decidir sobre o seu futuro, un país no que as xeracións de nenos e nenas, de mozos e mozas que pasan polas súas aulas non teñan que marchar á emigración.
"Nas eleccións sindicais do día 4 de decembro eu e milleiros de compañeiros e compañeiras témolo claro e por iso son o noso equipo, o equipo que nos dá confianza, o equipo do ensino público galego, o equipo da CIG-ENSINO".
Saben que o mellor xeito de enfrontarse á política privatizadora e lingüicida da Consellería de Educación é dando todo o mellor de si mesm@s no día a día do seu labor profesional ao tempo que se mobilizan na defensa dos seus dereitos e dos dereitos colectivos.
Conscientes da súa responsabilidade fan todo o posíbel por actualizarse, formándose e aplicando no seu centro todo aquilo que lles permita mellorar o seu labor docente
Ademais son quen de organizar e participar de múltiples actividades fóra das aulas demostrando que o profesorado é un elemento activo de transformación social.
O día 4 de decembro examínanse pero aínda que todo exame ten o seu aquel de nerviosismo e de interrogante hai un traballo nestes catro anos que @s avala, un traballo a pé de obra, compartindo cos compañeiros e compañeiras nos centros as loitas contra os recortes e contra a LOMCE, e saben que fronte ao atracón de última hora propio de mal@s estudantes o que dá resultado é o traballo diario
Nas eleccións sindicais do día 4 de decembro eu e milleiros de compañeiros e compañeiras témolo claro e por iso son o noso equipo, o equipo que nos dá confianza, o equipo do ensino público galego, o equipo da CIG-ENSINO.