Opinión

Cuba, novo ano con importantes desafíos

O ano 2021 vai ser ano de importantes acontecementos en Cuba, no mes de abril desenvolverase o VIII Congreso do Partido Comunista Cubano e co inicio do ano puxéronse en marcha reformas no ámbito económico que introducen novidades. Desas reformas, presentadas baixo a denominación “Tarefa de Ordenamento”, semella o máis salientábel a unificación monetaria, coa desaparición do CUC e a redución do valor de cambio do peso cubano fronte ao dólar, pero hai moito máis.

A “Tarefa de Ordenamento” contén unha reforma integral de ingresos e a eliminación gradual dalgúns subsidios e gratuidades considerados contraproducentes ou inxustos. Son cambios importantes que como é lóxico crean preocupación na poboación, preocupación á que respondeu hai uns días o presidente Díaz-Canel, deixando claro que se fará un seguimento constante dos pasos dados e que ninguén se verá desamparado, pois “...na Cuba Socialista xamais se empregarán terapias de choque contra o pobo...”.

Estas medidas responden ao aprobado nos dous congresos anteriores do PCC, e teñen por obxectivo conseguir unha economía máis dinámica e cun mellor funcionamento das estruturas de produción, para gañar en eficiencia e produtividade.

Nin idealizo Cuba nin miro cara a outro lado diante dos moitos problemas existentes e erros cometidos

A Covid-19 impediume visitar de novo Cuba e observar directamente unha realidade moi distinta á que coñecín no período especial, pero a observación desde a distancia lévame a seguir considerando a experiencia cubana como un exemplo para quen loitamos por construír unha sociedade máis xusta. Nin idealizo Cuba nin miro cara a outro lado diante dos moitos problemas existentes e erros cometidos, pero poño en valor o que significa a existencia dun país pequeno e pobre que busca construír o seu propio camiño, na rexión máis desigual do planeta e a poucos quilómetros dos EUA.

Nos últimos meses teño lido e escoitado a algúns que botan as mans á cabeza, augurando o fin e empregando incluso palabras grosas como traizón ao espírito da revolución. Non é estraño que a maioría desas voces veñan de xente que vive comodamente en Europa, maiormente en atalaias ou grupos sen apenas traballo social, non vaia ser que o contacto coa realidade lles desfaga as súas teorías.

Descoñezo a letra miúda dos cambios que se empezan a aplicar na economía cubana, e entendo a preocupación da poboación cara ao que lles depara un futuro descoñecido, no que ademais se lles anuncia a desaparición de determinadas cuestións que tiñan como seguras.

O ano 2020 foi un ano duro para o pobo cubano, aos efectos do criminal bloqueo sumouse a redución do apoio dunha Venezuela tamén agredida polos EUA, e houberon de dedicar inxentes cantidades de recursos á loita contra a Covid, loita na que están sendo moito máis efectivos que a maioría dos países desenvolvidos. Ademais a inxerencia externa intensificouse, sendo as protestas do mes de novembro do Movemento San Isidro só un elemento visíbel das moitas operacións encubertas financiadas por diversas axencias norteamericanas.

Aos efectos do criminal bloqueo sumouse a redución do apoio dunha Venezuela tamén agredida polos EUA

Diante desta situación podían ter decidido atrasar a aplicación das reformas, decisión facilmente explicábel e entendíbel. Pero decidiron seguir adiante conscientes de que as dificultades aumentarían, ao manter determinadas inercias moi contraproducentes que deben ser superadas.

Un dos principais temas que está na orixe das medidas económicas e leva sendo obxecto de debate hai moito tempo é a necesidade de valorizar o traballo, e desterrar definitivamente unha perversión disfrazada de teoría marxista que considera igualdade sinónimo de igualitarismo, e trata por igual a quen se esforza por realizar do mellor xeito posíbel a función encomendada e a quen coa súa pasividade é nunha rémora para o sistema. Un tema complexo, tendo en conta a figura do estado protector e a confusión existente entre igualdade e equidade, pero básico no aspecto ideolóxico; e un tema estratéxico para a economía pois só co seu avance poden ser melloradas as condicións de vida, garantido os dereitos e as importantes conquistas da revolución.

Comentarios