Opinión

Coronavirus, teletraballo e educación

Coa pandemia que nos mantén en situación de confinamento quen pertencemos ao chamado primeiro mundo vimos de descubrir o medo, a angustia e a inseguridade coas que conviven día a día miles de millóns de habitantes doutras latitudes. Pero chéirame que, aproveitando a situación, a Consellería de Educación e o Presidente da Xunta van querer pendurar do peito dúas novas medallas.

Xa nestes días empezaron a vender que grazas ao teletraballo e aos medios que para poder levalo adiante puxo o goberno galego a disposición do profesorado, o alumnado de todos os niveis mantén o ritmo de traballo, coa única diferenza de que non o fai nos centros de ensino.

E veredes como cando remate todo isto aínda haberá quen lles ría a graza.

Profesorado e alumnado levamos confinados desde o día 16, e o que soubemos da actividade dos responsábeis da educación neste tempo foi ver como facían auto-propaganda anunciando o envío aos centros de instrucións e material para podermos desenvolver o noso labor docente a distancia, cando xa tiñamos todo organizado pola nosa conta. Comprobar como rectificaban diversas veces as directrices aos equipos directivos, rebaixando as esixencias pero negándose a asumir que a obriga da presenza nos centros era inexplicábel ao supoñer o confinamento a eliminación de calquera tipo de actividade educativa presencial, e non terse adoptado a decisión, si adoptada por exemplo en Portugal, de que algúns centros foran usados para acoller fillos e fillas de persoas de servizos esenciais mentres traballaban e sen posibilidade de ser coidados no ámbito familiar. E finalmente a petición de un informe a cada centro sobre a actividade nestes días, especificada por nivel e grupo.

A inmensa maioría do profesorado asumiu con responsabilidade esta nova e excepcional situación, tentando desde o primeiro momento manter no posíbel a normalidade, incluso nalgúns casos na miña opinión con exceso de celo. Hoxe, cando levamos pouco máis dunha semana e sabemos que a cousa vai para tempo, decatándonos de que as complicacións son moitísimo maiores que o día a día nos centros.

Pero o problema fundamental non está nin na falta de apoio da Consellería nin nas múltiples caídas da aula virtual e do correo corporativo, o problema é que a universalización da atención telemática non é posíbel. Nestes días volveu saír á superficie a fenda social, sendo a dixital unha compoñente da mesma. A fenda social atópala entre o alumnado nos centros con pouco que te fixes, pero nestes momentos móstrase con toda a súa crueza.

É comentario xeral entre nós estes días a existencia dun número moi importante de alumnos e alumnas que non deron sinais de vida; non se conectaron nas sesións de traballo a distancia, non enviaron as tarefas marcadas, non preguntaron dúbidas por correo electrónico...

En circunstancias normais a vida nalgunhas familias non é a ideal, e con sorte hoxe non hai ninguén infectado na familia, pero si que están enriba da mesa a perda do posto de traballo, o peche do pequeno negocio, ou a rebaixa dun salario que xa era insuficiente.

Non esquezamos ademais que a posesión xeneralizada de teléfono móbil non é máis que un espellismo imposto pola sociedade de consumo como elemento central de socialización no mundo actual. Espellismo que supostamente iguala a todas as clases sociais, pero que agocha detrás a realidade de casas sen computadores ou cun único computador para uso común de toda a familia. Se a todo isto sumamos o que significa para un neno ou unha adolescente 24 horas de confinamento, seguidas de outras 24 e outras 24, mentres escoitan noticias cada vez máis alarmantes, entendemos porqué moitos e moitas non dan sinais de vida.

Seguiremos traballando, poremos todo o noso empeño en que o alumnado aprenda e sobre todo en manter o maior contacto posíbel para animalo e para que poida evadirse unhas horas deste ambiente abafante; pero esta experiencia debe servirnos sobre todo para non caer na trampa de que a universalización da sociedade dixital eliminou a fenda social, e para empeñarnos aínda máis na loita por un ensino público, galego e de calidade que cumpra coa súa función social.

Comentarios