Opinión

Con forza e confianza

O pasado domingo a UPG pechou os debates do seu XV Congreso Nacional elixindo unha nova dirección e ratificando como secretario xeral a Néstor Rego

Durante todo o día a sala na que se celebraba o congreso estivo chea de militantes e de simpatizantes que tiveron oportunidade de seguir todos os debates congresuais, ao igual que tiñan participado moitas nas reunións do proceso previo celebrado nas distintas zonas e sectores nos que o partido desenvolve a súa actividade política; coñecendo sen intermediarios as opinións diversas existentes dun partido que desde a súa fundación en 1964 se marcou como obxectivo construír e articular un forte movemento nacionalista.

Moitas historias se teñen fabricado, e moito se ten escrito sobre a UPG, “resistencialistas”, “ortodoxos”, “decimonónicos”, “stalinistas”, “núcleo de titanio”, “non adaptados aos tempos”, teñen sido e seguen sendo expresións habituais deses opinadores que saben de todo e dan consellos envelenados a un partido ao que sempre teñen no punto de mira.

Aparece acotío tamén nesas críticas o de que de non ter sido pola obcecación da UPG o nacionalismo contaría con moita maior forza electoral en Galiza, curioso se temos en conta que o din quen están situados nas antípodas do nacionalismo.

Bautista Álvarez, que por primeira vez non estivo presente nun congreso do partido, dicía que a militancia da UPG tiña a obriga de levar nunha man o Sempre en Galiza e na outra o Manifesto Comunista, e ao dicilo facía finca pé en que debía ser sempre nesa orde. E aí está o problema para os nosos adversarios, o problema é que poñemos diante o Sempre en Galiza porque somos nacionalistas, e por tanto o noso compromiso e a nosa acción política débense ao povo galego; somos patriotas e aplicamos o marxismo á realidade de Galiza, fuxindo de dogmatismos e aprendendo dunha historia que ten demostrado o fracaso dos receitarios que non tiñan en conta as características propias e os problemas específicos de cada povo.

Consideran que somos un perigo polo nacionalismo e non polo marxismo, o problema para eles é considerar Galiza unha realidade por si mesma, e non un apósito ou o noroeste peninsular.

E nisto non pode haber indefinicións, ou consideras que Galiza ten capacidade para dotarse de ferramentas políticas, sociais e ideolóxicas propias ou consideras que precisa un caxato no que apoiarse debido á súa incapacidade.

Ao longo destes case 56 anos o debate estivo sempre presente, con maior ou menor virulencia, e a debilidade de sectores do nacionalismo que viron na renuncia ao principio de auto-organización en todos os ámbitos de actuación un posíbel atallo rematou todas as veces por converterse nunha relación de dependencia e submisión fronte a quen á hora da verdade, con linguaxes e postas en escena máis ou menos tradicionais, remata por facer política en función de intereses alleos aos de Galiza.

Recollendo a experiencia do camiño andado, cos seus erros e cos seus moitos acertos, pero coa convicción de que só a confrontación, o debate ideolóxico e a actuación social permiten avanzar, a UPG sae do XV Congreso marcándose catro obxectivos fundamentais:

Encarar o 5 de abril coa maior forza e coa confianza en que o avance do BNG será definitorio para abrir unha nova etapa, na que a derrota do PP é necesaria para o obxectivo de poñer en marcha políticas que superen o marco autonómico, permitan desenvolver as nosas potencialidades e mellorar as condicións de vida do noso povo.

Traballar na mellora da ligazón entre o traballo institucional e o traballo social.

Fortalecer das organizacións nacionalistas en todos os ámbitos e ampliar a conciencia nacional.

Mellorar o funcionamento da mesma UPG, a formación da súa militancia e a súa acción política entre a clase traballadora.

O nacionalismo galego, e en concreto o BNG, está en moitas mellores condicións que hai uns anos, con unha militancia que ten demostrado capacidade para superar as adversidades sen perder pé, e un liderado recoñecido por amplos sectores da nosa sociedade. Unha combinación perfecta para afrontar os retos que ten por diante, e aí a UPG estará coma sempre arrimando o ombreiro.

Comentarios