Opinión

Colombia é intocábel

De producirse na veciña Venezuela a dura represión que exerce o goberno colombiano contra o seu pobo desde o 28 de abril, tería provocado xa importantes accións por parte da chamada comunidade internacional, declarando ao presidente Iván Duque como ditador e acordando a urxente aplicación de duras sancións. 

Pero Colombia non é Venezuela, e non hai interese en que mude a súa realidade; o día que escribo ese artigo escoito como nunha televisión pública falan de “disturbios” para referirse ás mobilizacións populares e á dura represión que xa ten provocado varias decenas mortes. O habitual silencio sobre Colombia imponse desde Washington e quen denuncie a realidade colombiana sabe que se enfronta directamente ao imperio.

Non é algo recente, Colombia asume un papel central na política dos EUA cara América Latina desde hai máis de medio século, cando se converte no seu principal aliado na rexión, ou falando máis correctamente, no principal centro de operacións para o control do que os EUA consideran o seu patio traseiro.

Unha función consolidada coa creación do Plan Colombia a inicios do actual século, plan co que se comprometeu moi activamente  o actual presidente norteamericano Joe Biden na súa época de presidente do Comité de Relacións Exteriores do Congreso norteamericano; un plan que coa escusa de rematar co conflito armado e co narcotráfico formalizou o papel de monicreque dos EUA que hoxe ten o estado colombiano.

Na actualidade existen nove bases militares norteamericanas en territorio colombiano, hai asesores e unidades militares que actúan sobre o terreo man a man co exército colombiano, e están presentes a maioría das axencias e organizacións pantalla empregadas pola administración ianqui para intervir de xeito ilegal en outros estados. Colombia ademais ten o privilexio, se podemos denominalo así, de ser desde maio de 2018 o único estado de América Latina que ostenta a condición de socio global da OTAN.

Con estes antecedentes, e sabendo como actúan a OEA, a Unión Europea ou a maioría dos gobernos occidentais, non pode estrañar a escasa resposta oficial á vulneración dos dereitos humanos en Colombia. Unha vulneración que non é novidosa, pero máis visíbel desde o inicio do paro nacional dado que as mobilizacións populares son continuadas; contabilizándose en pouco máis de unha semana máis de 50 persoas mortas a mans do exército e da policía, máis de 1.500 casos de abusos, moitos deles sexuais, e preto de 400 desaparicións.

A reforma tributaria que aumentaba o IVA de produtos e servizos básicos foi a pinga que rebordou o vaso no país máis desigual do continente máis desigual do planeta, unha realidade sinalada aínda hai poucos meses por un medio tan pouco sospeitoso de ser antisistema como a revista Forbes. Segundo datos oficiais o 50% das persoas que traballan fano na economía  informal carecendo de seguridade social e dereitos laborais, todo consecuencia de décadas aplicando políticas económicas neoliberais que provocan unha situación de pobreza endémica e exclusión social. Todo isto veuse agravado no último ano polos efectos sociais dunha pandemia conducida de xeito desastroso, e que ten provocado xa máis de 77.000 mortes.  

Parello ao anterior están as consecuencias do incumprimento por parte do goberno dos Acordos de Paz asinados en 2016, desde ese ano preto de 300 guerrilleiros desmobilizados e 1300 líderes sociais, sindicais e das comunidades campesiñas e indíxenas foron asasinados por bandas paramilitares financiadas pola oligarquía que teñen importantes conexións coas forzas armadas, e os programas para favorecer a reincorporación á vida social e económica foron paralizados. Levando esta situación a un número importante de ex-membros das FARC a coller de novo as armas diante do incumprimento dos acordos e da posibilidade real de seren asasinados en calquera momento.

Colombia é o paradigma da hipocrisía e das distintas varas de medir coas que actúan moitos estados e institucións internacionais cando falan de dereitos humanos, porque se hai un país que debera estar no punto de mira desde hai décadas é este.

Comentarios