Opinión

Chile, unha derrota

Sempre tiven unha sensibilidade especial por Chile, desde a música de Víctor Jara e Violeta Parra e a poesía de Pablo Neruda, até a experiencia política da Unidade Popular, que abriu grandes expectativas, pero tamén amosou debilidades e contradicións propias da construción de algo novo. Un Chile que entrou na páxina negra da historia coa ditadura pinochetista que o converteu en campo de experimentación dun neoliberalismo espallado posteriormente da man dos EUA, e de diversos organismos internacionais, a grande parte do planeta.

A realidade chilena para min segue a ser obxecto de atención periódica, tanto no político e social como no cultural; e, ao igual que outras moitas persoas, sentín como propia a derrota do referendo celebrado o domingo 4 de setembro. Mentiría se dixese que as tiña todas comigo, pois a miña preocupación ía en aumento conforme lía determinadas informacións ao respecto da campaña. Pero mantiña a confianza en que o resultado fose distinto.

Non nos corresponde analizar se o texto sometido a consulta recollía as principais reivindicacións da inmensa onda de indignación que percorreu Chile hai tres anos, e cuxas mobilizacións impulsaron a Convención Constitucional, e as posteriores eleccións parlamentares e presidenciais.

Corresponde á esquerda chilena e aos pobos orixinarios, especialmente o pobo mapuche, tirar conclusións, decidir que cambios acometer e en que afondar para seguir camiño. E debérano facer con rapidez para que a sensación de derrota non asente definitivamente nas clases populares chilenas. Para poñer coto a un pinochetismo reforzado e, sobre todo, para desenmascarar a aqueles sectores que, declarándose contrarios á ditadura e á súa herdanza, levan varias décadas aproveitándose da andamiaxe política e económica que deixou para impedir que as cousas muden.

Na miña opinión, quen desde esta banda do océano conclúen que a derrota foi pola traizón ás bandeiras que encabezaban as mobilizacións dos pasados anos corren demasiado. Non digo que non puidese haber moita xente defraudada por determinadas medidas do goberno, pola súa lentitude ou por declaracións do presidente Boric que levantan dúbidas sobre cara onde quere ir. Pero só precisamos repasar o reparto de escanos no Congreso e no Senado para comprobar que a correlación de forzas é moi complexa, e para nada favorábel a un cambio revolucionario.

Debemos manter co pobo chileno a mesma solidariedade que cando recibíamos información das brutais cargas dos carabineiros contra unha poboación que esixía dereitos; e que nos saía instintivamente diante da imaxe dalgunha das máis de 300 persoas que perderon a vista de un ou de ambos os dous ollos a mans dun corpo militar que actuaba igual que en tempos da ditadura.

E paralelamente sería bo recoller algo que o 4 de setembro puxo enriba da mesa, un principio da acción política de validez universal que moitas veces a ilusión fai que non teñamos en conta. Chegar ao goberno supón ter acceso a ferramentas que son moi importantes para poder levar adiante os nosos obxectivos, pero non significa conseguir o poder.

O verdadeiro poder non está na sala de reunións do goberno, e moito menos despois de sufrir unha ditadura sanguinaria durante case vinte anos, á que seguiu unha "transición" que en moito colleu como modelo a do estado español.

Ás veces os cambios de goberno débense a un estoupido social que acelera os tempos, e nese estoupido os sentimentos teñen un papel central; pero os sentimentos precisan ser transformados en consciencia política o antes posíbel, pois son moi volátiles. De non facelo córrese o perigo de que unha campaña baseada en mentiras, que conte cos medios necesarios para ser espallada, consiga sementar nunha parte da poboación a idea de que se están incumprindo os compromisos e noutros o medo ao cambio. Certo que non sería o único elemento que influíu no resultado, pero polo que din analistas do propio Chile houbo moito diso.

Comentarios