Opinión

Brasil e Uruguai manteñen o rumbo

Eramos moit@s quen estabamos pendentes dos resultados das eleccións de onte no Uruguai, presidenciais e lexislativas, e no Brasil, segunda volta das presidenciais, pois ademais das lóxicas repercusións que os resultados terán no futuro da poboación de ambos estados unha vitoria dos candidatos da dereita sería interpretada como o inicio do fin do ciclo de gobernos progresistas en América Latina e con toda seguridade daría pé unha nova vaga de actuacións para provocar inestabilidade política e social en outros estados que contan con gobernos progresistas.

Eramos moit@s quen estabamos pendentes dos resultados das eleccións de onte no Uruguai, presidenciais e lexislativas, e no Brasil, segunda volta das presidenciais, pois ademais das lóxicas repercusións que os resultados terán no futuro da poboación de ambos estados unha vitoria dos candidatos da dereita sería interpretada como o inicio do fin do ciclo de gobernos progresistas en América Latina e con toda seguridade daría pé unha nova vaga de actuacións para provocar inestabilidade política e social en outros estados que contan con gobernos progresistas.

"Foi unha campaña moi dura dado que se prevía un resultado moi axustado e foi tamén moi sucia por parte dunha dereita que puxo toda a carne no asador empregando sobre todo os medios de comunicación con divulgación de auténticos libelos contra Dilma"

Finalmente as presidenciais no Brasil definíronse por unha curta diferenza de 3 puntos entre a gañadora Dilma Rousseff que obtivo o 51,64 % do apoio electoral e o perdedor o dereitista Aécio Neves cun 48,36%,  un resultado que mantén ao estado continente do lado dos gobernos transformadores, sendo esta unha vitoria estratéxica dado o papel do Brasil tanto a nivel continental como a nivel mundial apostando pola integración latinoamericana e por participar en novas alianzas xeoestratéxicas como os BRICs.

Foi unha campaña moi dura dado que se prevía un resultado moi axustado e foi tamén moi sucia por parte dunha dereita que puxo toda a carne no asador empregando sobre todo os medios de comunicación con divulgación de auténticos libelos contra Dilma, chegando a revista Veja, a de máis influencia do país, a adiantar dous días a saída do seu número desta semana para coincidir co último día de campaña cunha exclusiva totalmente falsa que emporcaba a Dilma e a Lula no caso de corrupción que se está a investigar na empresa petrolífera de capital maioritario estatal Petrobras. 

Sendo moi importante o trunfo electoral a situación vai ser complexa cun Congresso Nacional no que as bancadas dos partidos de dereita aumentaron perdendo presenza de xeito preocupante a esquerda; e como xa indicabamos nun artigo anterior diante destes resultados a alianza que sustenta o goberno de Dilma deberá proceder a unha análise profunda da situación na que un importante aumento do nivel de vida de grandes segmentos da poboación non trouxo aparellado un maior apoio electoral; por contra xunto coa perda de deputad@s é moi preocupante a perda de un millón de votos por parte de Dilma nesta segunda volta cando o censo aumentou en sete millóns ao respecto de hai catro anos. O descontento é importante en sectores populares que son favorecidos pola acción de goberno pero que non a relacionan coa súa mellora no nivel de vida senón que culpan a quen goberna o país de non ter maior posibilidade de consumir e das importantes deficiencias existentes nos  servizos. 

"A esquerda brasileira seguirá gobernando pero deberá combinar as políticas socias cunha verdadeira e profunda transformación da estrutura económica"

A esquerda brasileira seguirá gobernando pero deberá combinar as políticas socias cunha verdadeira e profunda transformación da estrutura económica, a democratización dos medios de comunicación e a modificación do sistema electoral e do financiamento das campañas,  sen esquecer o crucial reto do combate ideolóxico para impedir que de novo sectores sociais favorecidos que obxectivamente deberían apoiala opten por votar á dereita, unha dereita que avanza e que nesta segunda volta conseguiu sete millóns de votos máis que en 2010 e aumentou a porcentaxe de apoio en máis de catro puntos.

No Uruguai aínda que pendentes á hora de escribir este artigo dun 40% do escrutinio podemos facer unha primeira valoración; os resultados son positivos para a Fronte Ampla co seu candidato Tabaré Vázquez no primeiro lugar para enfrontarse na segunda volta ao candidato do Partido Nacional Luis Alberto Lacalle, e en canto aos resultados para a Cámara de Representantes e o Senado todo sigue aberto, sendo posíbel aínda que a FA manteña a maioría absoluta en ambas cámaras.

"A Fronte Ampla reduce os seus apoios pero non ten un excesivo desgaste despois de 10 anos de goberno"

Cando se coñezan os resultados finais nas dúas cámaras e coa segunda volta que se celebrará o 30 de novembro procederemos a unha análise máis demorada dos retos do novo goberno uruguaio pero a xornada electoral de onte permite tirar xa un par de conclusións importantes, a primeira é que a Fronte Ampla reduce os seus apoios pero non ten un excesivo desgaste despois de 10 anos de goberno, un feito atribuíbel fundamentalmente á importancia que ten na esquerda uruguaia o instrumento político unitario que coa súa mobilización garante o apoio social e electoral, e isto consígueo nunha situación complexa debido ás grandes diferenzas entre a personalidade do presidente saínte Mujica e do actual candidato Tabaré e á percepción existente entre a poboación de que aumentou moito a inseguridade cidadá o que podería ter levado a unha parte do electorado a castigar ao goberno por non dar atallado esta situación.

A outra conclusión é o éxito da campaña de marqueting do candidato presidencial do Partido Nacional Luis Alberto Lacalle, unha persoa de 41 anos que é moi nova para o que se estila nas candidaturas presidenciais uruguaias e que sendo parte dunha histórica familia de dirixentes políticos de dereita foi quen de ofrecer unha imaxe renovada do seu partido distante do típico conservadurismo cun discurso que buscaba transmitir ao electorado confianza no futuro.

Comentarios