Opinión

Brasil elixirá o día 28 entre democracia e barbarie

As eleccións presidenciais de onte no Brasil non depararon sorpresas que desmentiran o que viñan indicando desde hai semanas os distintos inquéritos de intención de voto.

Co 97% dos votos escrutados o candidato de extrema dereita Jair Bolsonaro obtivo o primeiro lugar cun 46,03%  de apoio, e o candidato da coalición PT-PCdoB  Fernando Haddad quedou de segundo co 29,28%  de votos. Ambos disputarán a presidencia nunha segunda volta a celebrar o último domingo de outubro.

Ao igual que predeciron un resultado na primeira volta semellante ao que se deu, a maioría dos analistas din que na segunda volta será Fernando Haddad quen resulte vencedor, pasando a ser a partir do 1 de xaneiro de 2019 o inquilino do Palácio de Planalto, edificio deseñado por Óscar Niemeyer  ubicado  na Praza dos Tres Poderes en Brasilia, que é sede do poder executivo do Brasil.

Eses analistas din que Haddad será beneficiado polo rexeitamento que produce nos outros candidatos a figura de Bolsonaro e que a concentración de voto permitirá ao candidato que substitúe a un Lula inhabilitado acceder á presidencia.

Sendo certo que quen non pasan á segunda volta polo xeral adoitan dirixir os seus votantes cara un dos dous candidatos finalistas, e que as declaracións e propostas de Bolsonaro apoiando a tortura, atacando a liberdade e a dignidade das mulleres, chamando os militares a dar un golpe de estado caso de que el non gañe, etc..., teñen sido criticadas polo resto de candidatos, o certo é que Bolsonaro onte quedou de primeiro a moi pouco da maioría absoluta.

Bolsonaro é un candidato de extrema dereita con apoios en todos os sectores sociais, destacando o seu apoio maioritario entre unha clase alta que xa non confía nos seus tradicionais representantes do PSDB e PMDB. Pero non podemos autoenganarnos, pois a clase alta non é a maioría do corpo electoral, e Bolsonaro conta con grandes porcentaxes de apoio tamén entre as clases traballadoras e sobre todo nas mal chamadas “clases medias”, que conseguiron aumentar o seu status económico e social cos gobernos Lula e Dilma pero viron frustradas as súas expectativas coa dura crise económica que se desatou no Brasil en 2014. Eses millóns de persoas non queren volver atrás e culpan da brusca parada no seu ascenso social dentro dos parámetros que marca o capitalismo á crise, á corrupción e á delincuencia. Para esa xente crise corrupción e delincuencia teñen uns culpábeis, eses culpábeis conforman a chamada “clase política” brasileira que se dedicou e se dedica a roubar mentres a desorde e o crime se estenden.

Non podemos autoenganarnos, pois a clase alta non é a maioría do corpo electoral, e Bolsonaro conta con grandes porcentaxes de apoio tamén entre as clases traballadoras e sobre todo nas mal chamadas “clases medias”

 

Os procesos contra Dilma, Lula, outros dirixentes do PT e outras figuras da política teñen sido machaconamente retransmitidos por uns medios de comunicación controlados fundamentalmente polo emporio da Rede Globo, mentres que as irregularidades dos procesos que teñen sido denunciadas, as actuacións claramente ilegais de algúns xuíces, etc... foron agachadas. Creouse así un caldo de cultivo para que o voto da indignación e o voto do medo foran encher as expectativas de alguén como Bolsonaro, que tendo sido expulsado do exército por indisciplina ergue a bandeira da lei e a orde, e que levando máis de 20 anos como deputado con escuras conexións e ten dous fillos deputados ergue a bandeira da loita contra os políticos profesionais e contra a corrupción na política.

Quedan tres semanas para a segunda volta e a campaña vai ser dura, pois Bolsonaro sabe que lle falta moi pouco para poder obter a maioría absoluta pero tamén é consciente de que a candidatura de Haddad non só representa o centro esquerda, senón que é capaz de xuntar a moitos sectores que sendo críticos co PT e con moitas das súas políticas, son conscientes de que neste momento o que está en xogo no Brasil é a perda da democracia.

A esquerda, as persoas que se consideran demócratas, os movementos sociais, os sindicatos, os movementos sen terra e sen teito, as mulleres, os negros, os povos orixinarios, os defensores dos dereitos humanos e da non discriminación por razón de sexo... teñen un intenso camiño de 21 días para convencer o electorado da necesidade de votar a fórmula Haddad-Manuela como única posibilidade de saír da negra etapa na que entrou Brasil coa destitución de Dilma Rousseff o 31 de agosto de 2016.

Fronte a eles estará toda a forza duns medios de comunicación e uns poderes económicos que amplificarán aínda máis os ataques, acusando á candidatura encabezada por Haddad de querer converter Brasil nun “réxime comunista” tipo Venezuela ou Cuba, de querer seguir roubando, de querer liberar os delincuentes e de querer vender o país.

Agardemos polos resultados, desexando unha vitoria de Haddad que ademais significaría chegada á vicepresidencia do Brasil de unha militante comunista, Manuela d’Avila. E desexamos tamén que no novo período que se abre, a esquerda brasileira sexa quen de corrixir experiencias pasadas nas que unha política económica e social que non podemos cualificar como revolucionaria, pero tirou a millóns de persoas da miseria introducíndoas na sociedade, non foi acompañada da capacidade para crear unha consciencia social e un movemento que convertese eses millóns de persoas en defensoras da política nacional-desenvolvimentista. Non debemos esquecer que de gañar Bolsonaro sería tamén cos votos de quen ían ser máis reprimidos e prexudicados polas súas políticas.


 

Comentarios