Opinión

Brasil cun resultado axustado decidirá en segunda volta

Na segunda volta do día 26 decidirase definitivamente quen ocupará a presidencia da República Federativa do Brasil, e ese día os perto de 143 millóns de brasileiros e brasileiras que integran o censo electoral elixirán entre se Dilma Rousseff ou Aécio Neves.

Na segunda volta do día 26 decidirase definitivamente quen ocupará a presidencia da República Federativa do Brasil, e ese día os perto de 143 millóns de brasileiros e brasileiras que integran o censo electoral elixirán entre se Dilma Rousseff ou Aécio Neves. Tal e como prevían todas as análises preelectorais foi Dilma Rousseff da coalición Com a força do povo a vencedora da primeira volta cun 41,59% dos votos, seguida a unha distancia menor do agardado por Aécio Neves da  coalición dereitista Muda Brasil co 33,55% e unha Marina Silva da coalición Unidos pelo Brasil que finalmente houbo de contentarse coa terceira posición cun  21,32% dos votos. Se ben é certo que houbo outras candidaturas á presidencia a suma de apoios de todas elas en conxunto non  chegou a un  4%.

 "Obsérvase un desgaste da candidatura de Dima que perde un 5,32% e máis de 4 millóns de votos fronte a un candidato oficial da dereita que mellora o seu resultado porcentual en  case 1 punto 1,7 millóns de votos"

Comparando coa primeira volta das eleccións presidenciais de hai catro anos obsérvase un desgaste da candidatura de Dima que perde un 5,32% e máis de 4 millóns de votos fronte a un candidato oficial da dereita que mellora o seu resultado porcentual en  case 1 punto aumentando 1,7 millóns de votos  e unha Marina Silva  que mellora o seu resultado en 1,99 puntos e gaña 2,5 millóns de votos.

Se fóra do Brasil o elemento que aparentemente marcou estas eleccións foi o falecemento o 13 de agosto en accidente aéreo do candidato do PSB Eduardo Campos e a posterior asunción da candidatura presidencial de Marina Silva, que inicialmente era a candidata á vicepresidencia de Campos, unha análise profunda que atenda ao verdadeiramente importante diranos que realmente o que estaba en xogo  era se o Brasil mantiña o seu camiño integrado no grupo plural de governos latinoamericanos que buscan construír alternativas ao neoliberalismo ou viraba de rumbo caendo de novo baixo a influencia dos Estados Unidos.

Os resultados de onte manteñen á alianza encabezada polo PT en primeiro lugar na carreira cara a presidencias pese a un real e importante desgaste despois de 12 anos  no governo, e permiten á esquerda brasileira encarar unha segunda volta con maior tranquilidade ao non darse o peor escenario para Dilma que tería sido unha disputa o día 26 con Marina, pois de terse dado esa situación Marina sería unha mellor baza para unha dereita que contaría coa posibilidade de sumar nela os seus votos tradicionais e ideolóxicos aos votos desencantados co PT e aos da chamada esquerda renovadora ou terceira vía que dicía querer representar Marina, unha candidata que hai catro anos encabezando unha candidatura máis feble que a actual foi a sorpresa con máis dun 19,5 millóns de votos na primeira volta.

"Nun estado como o Brasil no que case a totalidade da comunicación comercial está controlada pola dereita tres semanas son moito tempo e as manipulacións e montaxes para prexudicar a candidatura de Dilma estarán presentes"

Pero ese respiro non pode levar a baixar a garda pois deben ter moi en conta a importante perda de máis de catro millóns de votos nun censo que aumentou en sete millóns de persoas ao respecto de hai catro anos e  ademais esta mesma madrugada Marina ao coñecer os resultados fixo unhas declaracións nas que deixou caer que o seu apoio na segunda volta irá para o candidato oficial da dereita, segundo ela a maioría do electorado apostou polo cambio e por tanto votou contra Dilma Rousseff e o PT. Ademais nun estado como o Brasil no que case a totalidade da comunicación comercial está controlada pola dereita tres semanas son moito tempo e as manipulacións e montaxes para prexudicar a candidatura de Dilma estarán presentes.

Estamos diante das eleccións máis delicadas e complexas ás que se enfronta a esquerda brasileira  desde a chegada de Lula á presidencia en 2003; delicadas dado que varios millóns de electores non coñecen outros governos que os articulados arredor do PT e que durante anos permitiron un aumento do nivel de vida por medio de programas asistenciais que quitaron a millóns de brasileiros de brasileiras da extrema pobreza e polo medre dunha economía que posibilitou o acceso ao mercado de consumo; pero o medre da economía xa non é o mesmo e quen non coñeceron outros governos non poden facer comparativas coa situación que se vivía na presidencia neoliberal de Fernando Henrique Cardoso e piden máis. E  son unhas eleccións complexas porque até onte a dereita de xeito moi intelixente aproveitou a oportunidade que lle brindou a inesperada candidatura de Marina Silva para crear o relato falso de que ela era a alternativa da esquerda consecuente fronte aos enganos e a corrupción do PT, un relato que fixo medrar en intención inicial de voto a Marina e puxo en verdadeiro perigo a reelección de Dilma até que as moitas contradicións de Marina foron descubrindo unha candidata extremadamente débil totalmente condicionada polos seus apoios de sectores das altas finanzas e do colectivo evanxélico máis reaccionario.

Unha definitiva vitoria de Dilma o 26 aportaría tranquilidade aos sectores progresistas non só do Brasil senón do conxunto de América Latina pola  importancia xeopolítica que ten este estado de dimensións continentais, pero o Brasil precisará virar cara a esquerda as súas políticas; sendo meritorio todo o feito até o momento manter a mesma liña dun governo que poderíamos definir como nacional-desenvolvimentista sen acometer as necesarias medidas que transformen de verdade as estruturas básicas do sistema económico, do sistema político e da midia brasileira, pode levar a que o soño de millóns de brasileiros de brasileiras remate sendo un pesadelo.

"Unha definitiva vitoria de Dilma o 26 aportaría tranquilidade aos sectores progresistas non só do Brasil senón do conxunto de América Latina dada a importancia xeopolítica que ten este estado de dimensións continentais pero o Brasil precisará virar cara a esquerda "

Na primeira semana de setembro máis de 8 millóns de brasileiros e brasileiras participaron no chamado plebiscito popular por “uma constituínte exclusiva soberana do sistema político” esixindo unha reforma política que remate co financiamento privado das campañas electorais, desde hai anos un forte movemento de medios de comunicación comunitarios e populares esixe o fin do monopolio por parte da rede globo, á actividade do histórico Movemento Sem Terra engádense nos últimos tempos e debido ao rápido proceso de urbanización colectivos que reclaman melloras nos transportes, nos servizos públicos e no acceso á vivenda, hai un forte movemento sindical algo desmobilizado nos últimos tempos pero que mantén a súa capacidade de reacción como demostrou nas últimas semanas ao ver un perigo real de volta atrás caso de perder Dilma as eleccións.

Todos eses actores ilusionados poden ser a masa que  permita unha vitoria de Dilma Rousseff o día 26 e posteriormente apoie e defenda os cambios estruturais que o Brasil precisa, pero de non comprobar que existen cambios efectivos de política ou que cando menos se tenta poñelos en marcha poden ser eses mesmos actores os que defraudados por promesas incumpridas abran a porta á volta da dereita.  

Sendo fundamental o resultado das presidenciais que se saberá o 26,  para poder facernos unha idea de como quedou o mapa político brasileiro debemos ter en conta que onte ademais elexíanse governador@s, senador@s e deputad@s federais e estaduais, e só o mapa completo pode dar unha visión real da nova situación político institucional no Brasil. Esa análise farémola en nos vindeiros días con máis calma pero unha primeira ollada á elección de deputados e deputadas federais danos idea dun retroceso do PT e dos seus aliados e un avance da dereita ao tempo que se incrementa o número de partidos presentes no congreso que pasa de 22 a 28.

Comentarios