Opinión

En Bolivia seguirán construíndo o bo vivir

Os resultados das eleccións celebradas onte no Estado Plurinacional de Bolivia seguramente non serán do agrado nin do governo español que conmemoraba nese mesmo día dúas falsidades históricas como  o suposto descubrimento de América e a festa da suposta nación española. 

Os resultados das eleccións celebradas onte no Estado Plurinacional de Bolivia seguramente non serán do agrado nin do governo español que conmemoraba nese mesmo día dúas falsidades históricas como  o suposto descubrimento de América e a festa da suposta nación española. E tampouco estarán ledos nin o departamento de estado norteamericano nin os a el sumisos governos europeos. Aquel indio que foi pastor de llamas, cultivador de coca, sindicalista, etc..., ao que desprezaron todos eles en xullo de 2013 impedindo ao avión presidencial boliviano no que viaxaba acceder a diversos espazos aéreos pola sospeita de que con el ía  Edward Snowden, gañou limpamente unhas eleccións nas que arredor de 6 millóns de bolivianos e bolivianas elixiron presidente, vicepresidente, 36 senador@s e 130 deputad@s; permitíndolle ese resultado electoral manterse como presidente deste país andino até o 2020.

"Os resultados das eleccións celebradas onte no Estado Plurinacional de Bolivia seguramente non serán do agrado nin do governo español  nin o departamento de estado norteamericano nin os a el sumisos governos europeos".

Todos os estudos de opinión dados a coñecer nas semanas previas coincidían nunha cómoda vitoria de Evo Morales sen necesidade de ir a unha segunda volta en decembro, e outorgábanlle entre un 52% e un 60% dos votos, por debaixo do 64% obtido nas eleccións de 2009 pero a unha grande distancia do primeiro dos seus contrincantes o empresario Samuel Doria de Unión Democrática-UD, propietario da principal fábrica de cemento do país e da franquicia Burger King en Bolivia, que foi ministro da dereita e candidato presidencial anteriormente en dúas ocasións. 

Finalmente non houbo sorpresa e os datos provisionais do reconto ao 100% dan un 59,7% dos votos ás candidaturas do MAS que ademais de reelixir a Evo Morales e García Linera faise con 25 dos 36 escanos do Senado e con 82 dos 130 da Cámara de Deputados. A dereitista Unión Democrática sitúase en segundo lugar cun 25.1% dos votos que lle permiten obter 10 senador@s e 35 deputad@s, moi lonxe fica o Partido Demócrata Cristián co 9,6% obtendo 1 senador e 11 deputados, e en último lugar están o Movemento Sen Medo e o Partido Verde de Bolivia con menos do 3% dos votos e obtendo un deputado cada un deles.

A oposición que nas anteriores elección celebradas en 2009 gañara en tres departamentos nesta ocasión só foi quen de impoñerse nun, no departamento de Beni, tendo unha lectura especial para o MAS a vitoria en Santa Cruz que até onte era a praza forte da dereita.

"A oposición que nas anteriores elección celebradas en 2009 gañara en tres departamentos nesta ocasión só foi quen de impoñerse nun"

Esta nova vitoria permitirá ao Movemento ao Socialismo-MAS con Evo Morales na presidencia e García Linera na vicepresidencia escribir un novo capítulo no libro aberto en xaneiro de 2006 e que transformou radicalmente un país que  era un dos máis pobres de América Latina e estaba totalmente sometido aos intereses das multinacionais e do departamento de estado dos Estados Unidos. 

Estes nove anos de governo do MAS foron moi intensos tanto no ámbito nacional como na presenza internacional de Bolivia, puxéronse en marcha un verdadeiro proceso de descolonización do país recuperando o control sobre as empresas extractivas de materias primas e fontes de enerxía, outorgaron dereitos aos povos indíxenas que conforman a maioría da súa sociedade e até agora estaban totalmente discriminados fronte aos crioulos e os brancos, e mantívose un enfrontamento directo cos EEUU que levou a expulsar ao embaixador norteamericano e a diversas axencias dese país como a DEA e a USAID que baixo a escusa de loitar contra o tráfico de droga e apoiar os dereitos humanos o que facían era intervir na política boliviana asesorando e apoiando economicamente a grupos opositores de dereita.

Ademais a nivel social foron moitas as conquistas como o aumento do emprego, dos salarios e de dereitos laborais, control de prezos de produtos de primeira necesidade, et..., permitindo todas estas medidas unha drástica redución dos niveis de pobreza que até agora era unha desgraciada marca de Bolivia no ámbito internacional.

"Fóra de Bolivia a vitoria do MAS supón un respiro para os governos aliados de América Latina pendentes do resultado das eleccións no Uruguai e da segunda volta das eleccións presidenciais no Brasil"

Son varios os retos que ten neste novo capítulo o governo boliviano para poder avanzar na construción do estado do bo vivir.

Ser quen de mudar a estrutura económica, de xeito que o medre non sexa tan dependente da industria extractiva e dos prezos das materias primas no mercado internacional, avanzando no proceso de industrialización.

Manter o ritmo na redución dos niveis de pobreza e no acceso da povoación aos servizos básicos.
Atopar mecanismos que permitan salvagardar os dereitos dos povos orixinarios e avanzar no proceso de modernización.

Manter a alianza entre os povos indíxenas, campesiñado, clase traballadora organizada na Central Obreira Boliviana-COB e sectores profesionais, comerciais e de pequenos empresarios comprometidos co proceso político.

Fóra de Bolivia a vitoria do MAS supón un respiro para os governos aliados de América Latina pendentes do resultado das eleccións no Uruguai e da segunda volta das eleccións presidenciais no Brasil, que se celebrarán o 26. 

Comentarios