Opinión

Bautista somos nós

A noticia do falecemento de Bautista síntoa como un duro golpe, con el vaise algo de min, pois Bautista somos nós. Todas aquelas persoas que militamos na causa da liberación nacional e social de Galiza debémoslle a Bautista que fora unha das persoas que abriron o camiño para a reconstrución do nacionalismo na longa noite de pedra da ditadura, unha longa noite que como comprobamos nos últimos tempos non deixou paso ao día e segue aí ameazante lembrándonos que os herdeiros do ditador queren que todo siga atado e ben atado.

De Bautista é coñecida a súa participación na creación da UPG, que presidiu durante trinta anos, a participación na fundación do BNG, o seu labor parlamentar, a multitude de actos nos que participou por toda Galiza, as súas opinións coas que non sempre tiñas por que coincidir e tamén, hai que dicilo, os desgustos que nos deu algunha vez. Ese era o Bautista público, o Bautista persoeiro histórico do nacionalismo. 

Debémoslle a Bautista que fora unha das persoas que abriron o camiño para a reconstrución do nacionalismo na longa noite de pedra da ditadura

 

Pero tamén tiña outra faceta, a do Bautista que no local da rúa Pérez Constanti, sen coñecerte de nada, tiña un momento para facer un alto no seu labor e achegarse a ti, que eras un rapaz, para preguntarche de onde eras, que traballo estabas facendo nese momento e por que te decidiras a militar no nacionalismo; e non era que daquela lle sobrara o tempo ou tivera entre mans cuestións pouco importantes, estou falando de mediados dos anos oitenta, tempos moi complexos cun nacionalismo expulsado do Parlamento Galego e moitas desercións de xente que non aguantaba a presión e fuxía cara ao paraíso prometido daquel españolismo socialdemócrata da chaqueta de pana. 

Co tempo partillamos moitas e longas reunións de organismos, Comités Centrais da UPG e Consellos Nacionais do BNG, xantares na Anllada, no Magdalena, e algún en Portugal, algunhas viaxes en coche coa súa correspondente discusión e moitas conversas nas que el non facía coma outros que só buscan auditorios para soltar un monólogo; Bautista seguía buscando que falaras, buscaba a túa opinión, e se non concordaba viña a discusión, e vaia se discutía!, Bautista vivía tanto a discusión que se non o coñecías podías levar unha impresión errada da súa personalidade.

Bautista seguía buscando que falaras, buscaba a túa opinión, e se non concordaba viña a discusión, e vaia se discutía!

 

Creo que a mellor palabra para definir a Bautista é GALIZA, pois consagrou a súa vida á loita pola nosa nación e polas súas clases populares, o seu compromiso era total arrimando o ombro sempre, nos duros primeiros tempos nos que tiveron que construír un movemento político e social saíndo da nada, con todo en contra e sendo uns herexes para a “esquerda oficial”. Nos tempos nos que semellaba que levabamos o vento de popa, tempos nos que el non se sentía moi cómodo, consciente de que os espellismos son moi doados de construír pero moi difíciles de sortear, sobre todo se non tes claro cal é o obxectivo e o confundes cun determinado instrumento. E Bautista tamén estaba agora onde tiña que estar, coa súa xente, co Partido e co Bloque.

Este 25 de xullo non lle foi posíbel estar en Compostela, as pernas non lle respondían, e  tiñamos pendente facerlle unha visita agora co reinicio da actividade política pero desta vez non poderemos discutir. Estaremos en San Amaro para homenaxear a quen nunca pediu nada e entregou todo, e berraremos como lle gustaba a el un forte Viva Galiza Ceibe e Popular!!!

Comentarios