Opinión

Os acontecementos de Ucraína

A manipulación disfrazada de información semella non ter límites e neste momento tócalle turno a Ucraína, por iso comprobamos nestes días como diversos medios de comunicación á hora de falar das protestas que se están a producir en Ucraína din que na súa capital, Kiev, non hai manifestantes senón euromanifestantes, designando dese xeito aos milleiros de persoas que participan nas protestas contra a decisión do presidente Viktor Yanukovich de non asinar un acordo de asociación comercial entre Ucraína e a Unión Europea.

A manipulación disfrazada de información semella non ter límites e neste momento tócalle turno a Ucraína, por iso comprobamos nestes días como diversos medios de comunicación á hora de falar das protestas que se están a producir en Ucraína din que na súa capital, Kiev, non hai manifestantes senón euromanifestantes, designando dese xeito aos milleiros de persoas que participan nas protestas contra a decisión do presidente Viktor Yanukovich de non asinar un acordo de asociación comercial entre Ucraína e a Unión Europea.

"A decisión gobernamental de non asinar ese acordo coa Unión Europea fixo que todo mudara de súpeto estoupando con incríbel e sospeitosa rapidez unha segunda edición da chamada revolución laranxa" 

Até o día 19 de novembro semellaba ir todo vento en popa e por tanto non se precisaba levar a Ucraína aos noticiarios e primeiras páxinas de xornais, pero a decisión gobernamental de non asinar ese acordo coa Unión Europea fixo que todo mudara de súpeto estoupando con incríbel e sospeitosa rapidez unha segunda edición da chamada revolución laranxa que se deu en 2004 nese país. Pode así a opinión pública mundial ter coñecemento das grandes maldades, corrupcións, etc… que agocha un pouco democrático presidente ucraíno que hai poucos días era visto sobre todo como un socio máis que permitiría á Unión Europea avanzar un novo chanzo na estratexia definida polo imperialismo de arrebatarlle posíbeis aliados a Rusia e ir aillándoa xeográfica e políticamente; un aillamento moi necesario para un occidente que busca evitar que Rusia poida conseguir resituarse definitivamente recuperando influencia no escenario da xeopolítica mundial, algo no que avanzou nos últimos meses cun papel moi activo que frustrou a tentativa dos EEUU e dos seus aliados de intervir militarmente cun ataque directo a Siria, unha intervención que de terse producido transformaría o conflito sirio nunha guerra de incalculábeis dimensións e graves consecuencias non só para o Oriente Medio senón a nivel mundial.

O feito de ser un estado que mantén ligazóns moi importantes con Rusia sobre todo no apartado económico e a actitude de superioridade da UE cos países do leste son fundamentais para entender o que acontece neste momento na Ucraína e a decisión do presidente Viktor Yanukovich de non asinar, polo de agora, ese acordo comercial Ucraína-Unión Europea

O presidente de Ucraína decidiu non asinar o acordo argumentando que precisa máis tempo para estudalo e que a Unión Europea debe variar a súa oferta, pois coa actual proposta a economía ucraniana non conta con incentivos económicos suficientes que lle permitan afrontar todas as transformacións que se lle impoñen e a conseguinte perda de presenza no mercado ruso, perda  que se está producindo xa, incluso antes de ter asinado o acordo coa UE.

"O presidente Yanukovich pon prezo en euros á súa sinatura coa Unión Europea mentres amenaza con deixarse querer polas novas ofertas de mellora nas condicións de intercambio comercial que lle chegan de Rusia"

Esa argumentación baséase en que, ao contrario do acontecido con outros países do leste, apenas hai dotación económica (nin directa nin vía créditos) e por contra a UE obriga a deixar en liberdade á anterior presidenta Yulia Timoshenko (condenada por corrución e enriquecimento ilícito durante a súa presidencia), cambiar leis e proceder a unha reconversión de parte da súa industria o que sen apoio económico exterior suporá unha rebaixa nas condicións de vida da poboación a curto prazo e a medio e longo un desmantelamento da capacidade de produtiva dun país que como outros moitos está engaiolado polo espellismo desa Europa moderna na que se vive ben, ou como dicían dous mozos de entre os manifestantes destes días en Kiev, esa Europa que significa “viaxar libremente e estudar gratis” .

O conflito neste momento non é entre europeístas e non europeístas, pois tanto quen goberna como as forzas que dirixen as actuais protestas representan os intereses de distintas faccións da oligarquía e cada un deles emprega as armas que considera mellores para acadar os seus obxectivos. O presidente Yanukovich pon prezo en euros á súa sinatura coa Unión Europea mentres amenaza con deixarse querer polas novas ofertas de mellora nas condicións de intercambio comercial que lle chegan de Rusia; e os opositores usan esa non sinatura como excusa para atacalo e para alimentar a rusofobia dunha parte da poboación.

Neste enfrontamento teremos oportunidade nas vindeiras semanas de comprobar como elementos alleos ao povo ucraíno interveñen directamente para condicionar o seu futuro. 

Comentarios