Opinión

Portugal: não apaguem a memória!

Portugal non é España, abofé, e menos no tocante á impunidade do fascismo salazarista e ao recoñecemento das súas vítimas. Eiquí non houbo unha Comissão da Livro Negro do Regime Fascista que documentou tal que unha comisión da verdade os máis de 30.000 presos e presas que pasaron polas cadeas entre 1926 e 1974, nin tampouco sería posible a acabada de crear Rede Nacional de Museus da Resistência. Porén, o Estado portugués non resolveu o problema no seu conxunto; velaí, sen ir máis lonxe, a profusión de rúas dedicadas a persoeiros da Ditadura militar e do Estado Novo en zonas, caso de Aveiro ou Leiria, onde o centro-dereita goberna. Abonda tamén con visitar o lisboeta Museu de Aljube, Resistência e Liberdade, para acreditar que no seu contido ten cabida o sufrimento das vítimas, mais a penas hai referencias aos verdugos. Tampouco as actividades criminais da PIDE (responsable da morte de 50 persoas tras ser sometidas a tortura) tiveron un tratamento severo dabondo: de aí a cativa investigación dun feito relevante, como a fuga de 80 axentes da policía política da cadea de Vale de Judeus no verán de 1975. Segundo a historiadora Irene Flunser Pimentel, só o 2% dos 2.755 axentes da PIDE foron condenados a penas de prisión superiores a 2 anos tras pasar por un tribunal militar.

Como se ten sinalado no eido historiográfico, os puntos febles da política de reparación e recoñecemento das vítimas en Portugal son a fraqueza da memoria dos anos sombríos no ensino, a impunidade da tortura, o non resarcimento das persoas que a padeceron e o branqueo da guerra colonial, pois os 100.000 mortos que provocou entre a poboación dos países africanos do antigo imperio luso apenas foron asumidos pola sociedade portuguesa. A historiadora Dulce Simões apunta outro feito significativo: “até ao momento o Estado portugués não condenou o envolvimento de Salazar na Guerra Civil española, nem a cumplicidade nos fuzilamentos de milhares de republicanos”. E iso malia a denuncia da Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica de Extremadura, enviada no ano 2016 ao Governo de António Costa, sen que até agora tivese recibido resposta e sen que o resto da esquerda portuguesa (PCP, Bloco de Esquerda…) se interesase no asunto.

É tempo de que as esquerdas portuguesas rectifiquen e reivindiquen estas vítimas do fascismo

Tendo en conta a persecución que, a partir do verán de 1936, padeceron milleiros de portugueses emigrados sobre todo na Galiza, Asturias, Andalucía ou Estremadura, cómpre salientar que nin o Estado portugués rexeitou o fusilamento ou asasinato extraxudicial de nacionais por parte dos franquistas en territorio hispano, nin a partir do 25 de Avril de 1974 reclamou de España a aplicación das recomendacións (verdade, xustiza, reparación) dos organismos de DDHH da ONU á cidadanía portuguesa vítima da sanguenta ditadura de Franco. A incomodidade do actual Goberno de esquerdas portugués (e tamén dos anteriores) neste tema é manifesta, se acaso por non encerellar as relacións co seu veciño, con quen comparte tantos intereses creados. Pódeo acreditar a antropóloga Paula Godinho, cuxos esforzos por implicar no verán pasado á Presidencia do Governo luso e ao conxunto dos partidos políticos do abano parlamentar, no acto polo que se rehabilitou a placa dedicada aos carrilanos daquela nacionalidade asasinados no tendido do camiño de ferro en Campobecerros (Castrelo do Val), só tiveron como resultado unha cortés resposta da Casa Civil do Presidente na que xustificaba a súa ausencia.

De xeito inxusto, no país veciño apenas houbo quen evocara a veciñanza maltratada polo Estado Novo nos anos 40 do século pasado a instancias das autoridades españolas, por acoller os guerrilleiros antifranquistas e colaborar con eles nas raias de Castro Laboreiro, O Barroso, Chaves e Vinhais. Estamos a falar de máis de un cento de persoas presas, varias delas falecidas nos calabozos da PIDE no Porto e Bragança. É tempo de que as esquerdas portuguesas rectifiquen e reivindiquen estas vítimas do fascismo, que tamén elas esqueceron. Antes de que sexa tarde e a súa pegada desapareza, en Portugal "não apaguem a memória"!

Comentarios