martes 29/09/20

Tras a memoria da guerrilla pola Terra Fría trasmontana

Na montaña de Chaves falamos con Clorinda, veciña de Parada da Castanheira, do seu tío Armindo Augusto preso e maltratado durante dous anos nas alxubes da PIDE no Porto. En Outubro de 1946 fora detido pola GNR xunto con varios veciños daquela bisbarra, polo delito de acoller aos guerrilleiros galego-bercianos que tiveron a “raia seca” de Vinhais como refuxio de retagarda. Na súa casa, pararon o mítico raioto de As Chás (Oimbra) Demetrio García, o leonés Hilario Álvarez coa súa compañeira Alberta Viñales, lembrada como unha muller "alta, loira, bem feitinha e com pistola", o berciano Jesús Girón e o galego Bernardino García co seu impoñente fusil ametrallador. Os dous últimos, por certo, morrerán antes de finalizar aquel ano: Girón no asalto ao autobús da liña Ourense-Verín na curva de Atás e Bernardino suicidado durante a “batalla do Cambedo”. Clorinda, cuxo pai trataba a Demetrio de persoa digna e valente, transmítenos o seu convencemento de que aquela xente “loitou pela nossa liberdade”. É a memoria que fica dunha época magoada, entre 1937 e 1947, na que a veciñanza da “raia seca”, de Castro Laboreiro a Vinhais, vivirá nun estado de excepción non declarado. É memoria que fica, si, nunha xeración que xa non coñeceu aquelas miserias e que fala por boca dos seus achegados. Mentres escoitamos a Clorinda, veñen e van varios rapaces de arredor dos vinte anos, aos que pouco interesa a conversa. Con eles, acabará a memoria, por iso compre recollela agora e socializala; mais tamén é preciso procurar xustiza.

No percorrido por esta terra da castaña, do xisto e da lousa nos tellados, tamén albiscamos as "torgas" ou "torgos", raiceiras da urz que aínda se empregan hoxe no duro inverno da Terra Fría. Chegamos a Sernande, lugar de medio cento de casas da freguesía de Pinheiro Novo (Vinhais), lindeira cos concellos galegos de A Mezquita e A Gudiña. Sernande, hoxe a penas habitada por unha ducia de persoas, foi xunto co Cambedo e os Ribeiros de Castro Laboreiro, o principal resgardo daqueles combatentes antifranquistas. Por este motivo (colaborar coa guerrilla), nalgún intre coincidiron 19 dos seus veciños presos. Na Ermida, cuxo adro foi "calçetado" sen piedade polo actual alcalde socialista de Vinhais, descansa o guerrilleiro natural de Xares (A Veiga), Alfredo Yáñez "O Aguirre", tratado cal fera por unha manda de fardados portugueses e españois (fálase de 50 gardas civís) que rodearon a aldea e acabaron coa súa vida nuns lameiros encostados, a rentes de castiñeiros centenarios atacados pola enfermidade da “tinta”. Alfredo, foi soterrado en sagrado polos veciños de Sernande que o acolleron, mais sen ningún sinal de que alí repousa; só unha lámpada na súa lembranza.

Temos moita falta de imaxes da cidadanía portuguesa represaliada por Franco ou por Salazar, debido á súa loita antifascista na Galiza ou polo seu apoio á guerrilla. De feito, en todos os grupos insurxentes radicados entre Castro Laboreiro e Vinhais, houbo enlaces portugueses e, mesmo, persoas daquelas contornas incorporadas á guerrilla. Eis David Dos Santos Pires "O Músico", veciño de Sernande, cuxa fotografía preside a súa sepultura no adro da Ermida devandita a carón, mesmo, da de Alfredo Yáñez. David fora en 1940 enlace dos grupos que tiñan acubillo na súa aldea; despois, correndo 1945, se incorporará á partida encabezada por Demetrio. E como tantos outros veciños e veciñas de Castro Laboreiro, do Barroso, de Cambedo, da Castanheira, da Lomba, dos Pinheiros e de Sernande, “O Músico” pagou o seu compromiso con moitos meses na cadea de Bragança, primeiro na primavera de 1941 e, logo, en novembro de 1946. Portugal, xa que logo, debería recoñecer estas vítimas do Estado Novo e proceder á súa reparación.

Dous pobos, o galego e o portugués, que traballan xuntos, que festexan xuntos e que padecen xuntos, deben construír a súa memoria común. Nela, “O Aguirre”, merece unha placa que dignifique o lugar onde descansa e perpetúe a nosa homenaxe polo seu sacrificio. E, nela, tamén Sernande merece, tal que O Cambedo, un sinxelo monumento de irmandade que diga: "En lembranza do voso sufrimento".

Tras a memoria da guerrilla pola Terra Fría trasmontana
comentarios